DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha suxestión da docente e directora da Área de Imaxe, Juli Molares

O proxecto Reseñas propón a lectura de ‘Rouba como un artista’, de Austin Kleon

Reflexiona “sobre como a creatividade se pode desenvolver, traballar e potenciar en calquera ámbito”

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 09/12/2022

Non hai nada orixinal; detrás dunha grande obra de arte, sempre hai outra grande obra de arte; a creatividade non é un don divino... Estes son algúns dos puntos de partida de Rouba como un artista, o libro de Austin Kleon que protagoniza a nova edición do proxecto de fomento da lectura, Reseñas, impulsado pola Biblioteca de Torrecedeira.

A proposta deste volume corresponde á docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e directora da Área de Imaxe da Universidade de Vigo, Juli Molares, que escolleu esta lectura para os meses de decembro e xaneiro porque ofrece “unha reflexión breve pero concisa sobre como a creatividade se pode desenvolver, traballar e potenciar en calquera ámbito”.

Como explica o propio autor no libro, publicado en 2012, “se nos liberamos do peso de ter que ser completamente orixinais, podemos deixar de intentar crear algo da nada e abrazar as nosas influencias, en lugar de tratar de fuxir delas. Deste modo, o teu traballo pasa a consistir en compilar boas ideas. Cantas máis atesoures, máis poderás elixir para que inflúan no teu traballo”.

Para a responsable da Área de Imaxe, é importante ter en conta que “sexas quen sexas e fagas o que fagas deberías ser creativo” e este libro “ofrece un camiño fácil de seguir sen medos nin inseguridades” para acadar este obxectivo.

Dez principios e 100 exercicios

En Rouba como un artista, Austin Kleon presenta dez principios que axudarán aos lectores a descubrir o seu lado artístico e a desenvolver a súa creatividade xunto con 100 exercicios prácticos para converterse “no mellor ladrón de ideas e ter unha vida moito máis creativa”. 

Na recensión que acompaña a esta proposta, que se pode consultar no blogue da Biblioteca de Torrecedeira, Juli Molares repasa e debulla, un a un, os dez principios de Kleon para desatar a creatividade, que son: rouba como un artista; non agardes ata saber quen es para poñer as cousas en marcha; escribe o libro que queres ler; usa as túas mans; os proxectos extras e as afeccións son importantes; o segredo é facer un bo traballo e compartilo; a xeografía xa non manda; sé amable porque o mundo é un pano; sé aburrido, porque é o único modo de traballar; e finalmente a creatividade tamén é restar.

Un autor de referencia no mundo anglosaxón

Austin Kleon é tamén autor de Segue adiante. 10 maneiras de manter a creatividade nas rachas boas e nas non tan boas, Newspaper Blackout e Aprende a promocionar o teu traballo e os seus libros son verdadeiros súper ventas no mundo anglosaxón. Imparte habitualmente conferencias sobre creatividade na era dixital para empresas como Pixar, Google, SXSW, TEDx e The Economist e actualmente os seus libros poden atoparse traducidos a máis de vinte idiomas.