DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cada dous meses, un membro da comunidade universitaria lanza unha recomendación bibliográfica

O proxecto Reseñas propón seis lecturas críticas para este curso 2022/2023

A primeira suxestión é 'Una vida en nuestro planeta', de David Attenborough

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 28/10/2022

Cada dous meses e durante todo o curso académico, o proxecto Reseñas lanza unha recomendación bibliográfica. Así o leva facendo dende 2018, cando botou a andar esta iniciativa impulsada polo persoal da Biblioteca de Torrecedeira coa idea de crear un espazo de lectura, pensamento e reflexión aberto a toda a comunidade universitaria. Así, a programación para este curso comprende un total de seis libros, propostos tanto por persoal da propia biblioteca como por docente e investigadores da UVigo co obxectivo de espertar a curiosidade e a inquietude por temas de actualidade, investigación ou cultura e, ao tempo, difundir os fondos da biblioteca.

A primeira proposta para este curso, que corresponde aos meses de outubro e novembro chega da man do profesor Castor Muñoz Sobrino, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo: Una vida en nuestro planeta: mi testimonio y una visión para el futuro, de David Attenborough. A este volume seguiranlle outros cinco, que abordarán temáticas como o mundo da creatividade, a crise enerxética, a natureza e o feminismo, o desenvolvemento infantil ou a condición humana.

Cada un dos libro irá acompañado dunha recensión escrita pola persoa que os propón e que se poderán consultar “no blog do proxecto Reseñas, onde imos arquivando e incorporando os traballos e aportacións complementarias dos textos que nos chegan”, como explica Aser Ángel Fernández Rey, técnico especialista da Biblioteca de Torrecedeira.

David Attenborough para abrir a programación

Para comezar coa programación de Reseñas 2022/2023 o profesor Castor Muñoz Sobrino propón achegarse á obra de David Attenborough, Una vida en nuestro planeta, un libro que escribiu “xa con 94 anos” no que o científico e divulgador británico “fai un derradeiro esforzo por axudar a evitar a destrución da nosa civilización”. Segundo explica Muñoz na súa recensión, Attenborough “parte da premisa de que canto maior sexa a biodiversidade, tanto máis seguro estará o conxunto da vida no noso planeta, incluída a da nosa especie. A súa testemuña é un relato dos grandes fracasos colectivos que nos teñen levado ata a situación actual, sendo o noso maior erro a eliminación da vida salvaxe. Pero lonxe de ser un texto apocalíptico ao estilo doutros éxitos literarios recentes (ex. Wallace-Wells, 2019), o ensaio de Attenborough remata cunha visión optimista dun futuro posible, onde enumera revisa e xustifica unha serie de alternativas viables a unha economía meramente baseada no crecemento que, sempre que se adopten coa rapidez necesaria, poderían contribuír a endereitar o noso rumbo”.

Cinco propostas máis para o curso

Para os meses de decembro e xaneiro a recomendación de lectura é da profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Juli Morales. A través de Roba como un artista: las 10 cosas que nadie de ha dicho acerca de ser creativo, de Austin Kleon propón unha reflexión a creatividade e achega aos lectores aos diez principios para descubrir o seu lado artístico.

A seguinte suxestión, para febreiro e marzo, faraa Manuel Velasco Graña , bibliotecario da UVigo: Petrocalipsis: Crisis energética global y cómo (no) la vamos a solucionar, de Antonio Turiel Martínez, un volume no que se aborda “a preocupante situación da crise enerxética global previa a guerra de Ucraína”, destaca Aser Ángel Fernández Rey.

Chegada a primavera, Adela María Sánchez Moreiras, profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, propón como lectura para abril e maio unha novela ecofeminista “que ensaia un novo tipo de literatura sobre natureza, mesturando ficción e escritura científica”: Naturaleza e nombre de mujer, de Abi Andrews.

O quinto libro é unha suxestión de Luis Torres Vázquez, técnico especialista en CAD da Escola de Enxeñaría Forestal, que recomenda Los últimos niños del bosque. A obra de Richard Louv céntrase na s investigacións de vangarda que demostran como a exposición directa á natureza é esencial para un desenvolvemento infantil san. 

A programación finalizará co libro que presenta o propio Aser Ángel Fernández para os meses de agosto e setembro: La risa: ensayo sobre la significación de lo cómico, do Premio Nobel de Literatura de 1927 Henri Berson. “Nestes tempos patéticos que afrontamos”, explica, “a risa como xesto social que castiga” a mecanización e regulamentación da vida pode ser vista sempre como una necesaria vía alternativa”. 

A todos estes membros da comunidade universitaria que participan na nova edición de Reseñas, o equipo da Biblioteca de Torrecedeira agradece “o seu esforzo colaborativo” e lembran que “calquera pode participar na elección dos temas ou dos libros elaborando a súa recensión, compartindo ideas, inquietudes, e opinións que posibiliten e conformen unha nova e futura planificación de Reseñas”.