DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é estimular a economía das zonas rurais próximas aos camiños

O proxecto rurAllure lanza catro itinerarios piloto arredor das grandes rutas de peregrinación europeas

Testaranse durante os próximos meses e en 2023 a plataforma estará lista para toda Europa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 11/05/2022

O proxecto rurAllure botou a andar hai algo máis dun ano co obxectivo de divulgar o patrimonio cultural que rodea as grandes vías de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que as percorren achegándolles. A finalidade é empregar ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación para achegarlles a oferta cultural das áreas rurais próximas. Con este fin, o proxecto conta cun consorcio de 16 socios de seis países e cun orzamento de 3 millóns de euros do programa Horizonte 2020 para desenvolver esta iniciativa multidisciplinar está liderada pola Universidade de Vigo.

Tras estes primeiros meses de traballo, o consorcio ten lista xa a primeira versión da plataforma dixital con catro pilotos que xiran arredor dos catro contextos internacionais nos que se centra rurAllure: o Camiño de Santiago, as rutas de peregrinación a Roma, o camiño de San Olaf a Nidaros, en Escandinavia e a Ruta Mariana de centro Europa. Martín López Nores, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo coordina o proxecto e explica que a finalidade dos socios “é crear un ecosistema de rutas de peregrinación a nivel europeo, de xeito que un peregrino teña información sobre puntos de interese local, tanto culturais e patrimoniais como sociais, que non están a pé de camiño. Trátase de fomentar que o visitante se adentre no territorio rural próximo para coñecer o seu patrimonio”. Deste xeito, a plataforma porá en valor o patrimonio rural, axudará a viaxar aos peregrinos de todos os camiños de Europa e estimulará a economía das zonas rurais próximas a estas rutas.

Os catro primeiros pilotos, que xa están dispoñibles a modo de proba “poderán ser empregados polos usuarios dos camiños con destino a Santiago, Roma, Trondheim (Noruega) e Csíksomlyó (Romanía)”. Durante os próximos meses, apunta López Nores, “poremos a proba a intelixencia artificial aplicada ao proxecto e corrixiremos erros para que a tecnoloxía estea lista en toda Europa para 2023”.

Deseñar viaxes ao gusto de cada quen

As interfaces web e móbil de rurAllure permitirán que cada usuario deseñe a viaxe en función dos seus gustos e intereses. Para iso, o proxecto “traballa con información sobre medios de transporte axeitados que os peregrinos poderán empregar para coñecer os punto de interese fóra do camiño, como é o caso da Fundación Uxío Novoneyra, a 30 quilómetros do itinerario francés do Camiño de Santiago”. A intención dos socios implicados é desenvolver unha ferramenta que axude a “derivar fluxos de visitantes e que aproveiten as súas incursións no medio rural para coñecer lugares de interese cultural e patrimonial, estimulando o desenvolvemento rural e cultural”, concreta Martín López Nores. 

Tras a proba inicial dos catro primeiros pilotos, rurAllure estará listo en 2023 cunha plataforma de contidos nos que cada camiño europeo terá os seus propios puntos de interese, audioguías e narrativas multimedia, información sobre tendas e servizos locais, transportes dispoñibles para os desprazamentos… converténdose nun xestor de contidos único e homoxéneo para todos os camiños de Europa. “Non hai unha tecnoloxía igual aplicada a este tipo de experiencias de viaxe”, conclúe o investigador.

Catro pilotos, catro camiños

Os catro pilotos correspóndense cos catro contextos internacionais nos que traballa o proxecto e céntrase nun tipo particular de patrimonio ao longo dunha ruta de peregrinación. Así, a investigación sobre as rutas do Camiño de Santiago está centrada no patrimonio literario e abrangue varios segmentos escollidos do Camiño de Santiago.  En Italia, outro piloto investiga o patrimonio termal ao longo das rutas de peregrinación a Roma: na Vía Francíxena, na Vía Romea Germánica e na Vía Romea Strata. No caso da ruta de San Olaf en Noruega, céntrase nunha perspectiva etnográfica, mentres que no caso da Ruta Mariana, unha vía de peregrinación que atravesa Hungría, Eslovaquia e Romanía, abórdase dende a perspectiva do patrimonio natural. 

Cada piloto ten unha instancia propia do portal web e tamén da app móbil, explica López Nores, “onde se listan todos os percorridos propostos que imos elaborando e que contan con incursións ao medio rural próximo aos camiños oficiais”. Así, no piloto do Camiño de Santiago, inclúense a Vía Künig, unha alternativa ao Camiño Francés descrita polo monxe alemán Hermann Künig no século XV que evita algúns dos ascensos máis duros, e “outros deses que denominamos ‘featured trips’”. O investigador tamén que avanza que proximamente engadiranse o Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa, distintas variantes na contorna da Vía da Prata, o Camiño Miñoto Ribeiro e arrodeos polo Courel, entre outros. En todos os casos, engade, “levaremos a cabo accións non só de subida de contidos á plataforma, senón tamén de promoción, organización de percorridos, estudos sociais e de mercado, etc”.

Entidades implicadas

Por parte de Universidade de Vigo, ademais do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información, GSSI, do que forma parte Martín López Nores, están implicados a Facultade de Historia e outros grupos de investigación, xunto con institucións culturais, empresariais e municipais que nutren a iniciativa, como  GVAM Guías Interactivas (ES), Universidad Autónoma de Madrid (ES), Fundación Uxío Novoneyra (ES), Universidade da Coruña (ES), Câmara Municipal de Vila do Conde (PT), Kormányzati Informatikai Fejlesztési Ügynökség (HU), Mária Út Közhasznú Egyesület (HU), Comenius University in Bratislava (SK), Slovak University of Technology in Bratislava (SK), Università degli Studi di Padova (IT), Fondazione Homo Viator San Teobaldo (IT), Associazione Europea Vie Francigene (IT), Università degli Studi di Bologna (IT), Norwegian University of Science and Technology (NO) e Università Iuav di Venezia (IT).