DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación dun equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática e do grupo LIA2

O proxecto Smart Building Coop destinará 2,5 millóns de euros a mellorar a eficiencia enerxética de edificios públicos da eurorrexión

A iniciativa está financiada polo programa Poctep 2021-2027

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 21/04/2026

Este martes a Deputación de Pontevedra acolleu o lanzamento do proxecto Smart Building Coop (Xestión e Transformación para a Eficiencia Enerxética e Sostibilidade dos Edificios), participado por un equipo da Universidade de Vigo. A iniciativa márcase como obxectivo mellorar “a eficiencia enerxética de edificios públicos en Galicia e o norte de Portugal, combatendo o alto consumo e a escasa dixitalización”. 

Smart Building Coop é un proxecto coordinado pola Deputación de Pontevedra, no que participan outras sete entidades da administración local supramunicipal e do sectores académico. En concreto, trátase das universidades de Vigo e Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Deputación de Ourense, a Comunidade Intermunicipal de Alto Minho e o Instituto Enerxético de Galicia. Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e do grupo de investigación LIA2 encabezado polo persoal docente e investigador Francisco Javier Rodríguez Martínez e Lorena Otero. Esta iniciativa internacional comezou o pasado mes de marzo e durará 32 meses, finalizando en outubro de 2028. Ten un orzamento de preto de 2,5 millóns de euros, dos cales o 75%, arredor de 1,9 millóns, está financiado con fondos Feder da UE a través da sexta convocatoria do programa Interreg Poctep 2021-2027.

Sistema innovador automatizado e replicable

Ao abeiro desta iniciativa “desenvolverase unha plataforma baseada en IoT, Big Data e Intelixencia Artificial para a monitorización en tempo real e a análise preditiva e a optimización do consumo” enerxético en edificios públicos. Instalaranse sensores en 30 centros piloto e formarase ao persoal xestor para garantir a implementación e replicabilidade do sistema. A cooperación transfronteiriza, indican desde a iniciativa, harmonizará estándares, facilitando a escalabilidade do modelo. O proxecto introduce a creación dun “sistema innovador de eficiencia enerxética automatizado e replicable, adaptable a diversas contornas do sector público, que contribuirá a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en liña cos obxectivos de sustentabilidade do Pacto Verde Europeo”.

A reunión celebrada este martes marca o inicio dos traballos de coordinación técnica e institucional que permitirán avanzar na execución deste proxecto “estratéxico, chamado a converterse nun referente na xestión enerxética intelixente dos edificios públicos na eurorrexión”. O encontro, que reuniu persoal técnico e político das entidades socias, foi inaugurado polo deputado provincial Javier Tourís, que destacou que este proxecto supón “cooperación que non é só institucional, senón tamén técnica, científica e estratéxica para o futuro dos nosos territorios”.