Ourense acolle a súa asemblea de peche despois de seis anos de actividade
O proxecto SoildiverAgro marca unha folla de ruta "para transformar a agricultura europea dende o solo”
Nel participan 22 socios de sete países
Desde 2019, 22 socios de sete países liderados pola Universidade de Vigo desenvolven o proxecto europeo SoildiverAgro co obxectivo de avanzar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Este martes arrancou no campus de Ourense a súa asemblea de peche. Nela destacouse que SoildiverAgro remata o seu traballo marcando unha folla de ruta concreta, combinando datos científicos, ferramentas prácticas e propostas políticas, “para transformar a agricultura europea dende o solo”.
SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado con case sete millóns de euros polo programa H2020 da UE. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo polo investigador David Fernández Calviño, conta coa participación de socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia están, ademais da UVigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.
“O proxecto chega á súa fase final cunha mensaxe clara e fundamentada: a biodiversidade do solo é unha peza clave para construír un modelo agrícola máis sostible, eficiente e resiliente”, explica David Fernández. Os solos europeos, detalla, enfróntanse a un proceso progresivo de degradación debido ao seu uso intensivo, á redución da diversidade de cultivos, ao abuso de fertilizantes e pesticidas e á perda de materia orgánica. “Estes factores comprometen non só a produtividade a longo prazo, senón tamén a capacidade dos solos para prestar servizos ecosistémicos fundamentais como o almacenamento de auga, a regulación do clima, o control biolóxico de pragas ou a produción de alimentos nutritivos”, indica. Tal e como amosa o traballo desenvolvido en SoildiverAgro, apunta o investigador, “a biodiversidade do solo non é un luxo ambiental, senón unha necesidade agronómica e económica”.
Análise, aplicabilidade e política
Neste contexto, o proxecto centrouse “en trasladar á práctica agrícola e ao ámbito político os coñecementos xerados ao longo de anos de investigación, combinando ciencia, demostración en campo e participación activa do sector agrario”. Así, ao seu abeiro analizáronse 90 sistemas agrícolas europeos e desenvolvéronse unha serie de accións que permitiron avaliar, mellorar e aproveitar a biodiversidade do solo neles como aliada da produtividade agrícola. “A análise de datos procedentes de estudos de caso en distintas rexións revelou que medidas como a incorporación de fertilizantes orgánicos, a diversificación de cultivos, o uso de abonos verdes, a labranza reducida ou os sistemas de control biolóxico de pragas teñen un impacto positivo sobre os organismos do solo sen comprometer os obxectivos produtivos”, sinálase nas conclusión da iniciativa. Así, afirman os seus promotores, un dos principais logros de SoildiverAgro foi a identificación de estratexias “win-win”, é dicir, prácticas de manexo que permiten conservar ou mellorar a biodiversidade do solo ao tempo que manteñen ou incluso aumentan o rendemento económico das explotacións.
Alén da análise dos sistemas agrícolas, o proxecto definiu obxectivos operativos específicos para a biodiversidade do solo “baseados en indicadores científicos robustos e aplicables en campo”, e creou unha serie de ferramentas. Entre estas últimas están unha guía de boas prácticas agrícolas, adaptada ás diferentes rexións e contextos agronómicos de Europa. Esta guía, elaborada en diálogo con agricultores, persoal investigador e axentes de desenvolvemento rural, “recolle as principais prácticas que fomentan a biodiversidade edáfica, explicando como aplicalas, cales son os seus beneficios e que consideracións deben terse en conta para a súa adaptación a cada explotación”. Ademais SoildiverAgro desenvolveu unha ferramenta de apoio á decisión, dispoñible en liña e de acceso libre. “Esta aplicación dixital permite que calquera agricultor ou técnico poida introducir datos básicos da súa explotación, como o tipo de cultivo, as condicións do solo, o clima ou as prácticas actuais, e recibir recomendacións personalizadas para mellorar a saúde do solo, aumentar a eficiencia do manexo e reducir custos”, sinalan desde o proxecto.
No balance da iniciativa, as entidades promotoras poñen en valor dela a súa aposta pola participación activa do sector agrícola, realizando ao longo destes seis anos encontros, obradoiros e entrevistas con agricultores, asesores e responsables institucionais, co fin de asegurar que as solucións propostas tivesen en conta a realidade do campo. “Esta metodoloxía de traballo multi-actor, combinando ciencia e práctica, permitiu deseñar propostas realistas e adaptables, e reforzou a confianza nas recomendacións xeradas”, apuntan. Igualmente subliñan que os resultados acadados en SoildiverAgro teñen “unha clara relevancia política e estratéxica”, apuntando que “ao demostrar que prácticas sostibles poden ser tamén rendibles, abre a porta a novas formas de apoio público baseadas no rendemento ambiental, contribuíndo á construción dun sistema alimentario máis xusto, seguro e ecoloxicamente viable”.
Resultados na Limia
No caso de Galicia, a parte experimental levouse a cabo en varias parcelas da Limia, onde se ensaiaron coa colaboración do Inorde catro tipo de técnicas de cultivo. A primeira delas consistiu en probar o emprego dunha alternativa natural ao uso de nematicidas de síntese química para combater os nematodos da pataca. Concretamente probouse o uso de Solanum sisymbriifolium como planta “trampa”. “Desde o punto de visto agronómico é o resultado máis exitoso do proxecto aquí en Ourense pois atopamos un método biolóxico que nos permite reducir dun xeito moi importante o número de quistes desta praga”, explica David Fernández. No marco do proxecto desenvolveuse o uso desta planta, adaptouse ás condicións da Limia, conseguiuse que xermolase ben e probouse “en campos infestados e funcionou bastante ben”. Esta liña de investigación continúa na actualidade desenvolvéndose no proxecto estatal ReNaturAgri. “Estamos no camiño de dar aos agricultores unha ferramenta moi importante para loitar contra esta praga”, comenta o investigador.
A segunda técnica probada foi a mellora na rotación dos cultivos coa introdución de legumes, concretamente chícharo, como substituto do trigo na rotación trigo-pataca. “Conseguimos melloras na biodiversidade do solo e na súa fertilidade, sen que iso minguase a produción de pataca, senón que a aumentase un pouco, á vez que reducimos o uso de fertilizantes de base nitroxenada química”, sinalan desde o proxecto. Outra das técnicas analizadas foi o uso de micorrizas como alternativa aos fertilizantes con fósforo e para reducir o impacto dunha das enfermidades da pataca. Os resultados amosaron que o uso de fungos micorrícicos non tiña impacto na prevención da enfermidade e que o seu emprego na mellora da produción da pataca só tiña algo de impacto en determinadas condicións climáticas favorables pero non sempre. Porén, comenta David Fernández, na realización do estudo detectaron que os solos "estaban sobrefertilizados de fósforo, o que indica que se debería calibrar mellor o uso de fertilizantes con base de fósforo”. Por último, o equipo investigador testou sistemas de alerta de enfermidades fúnxicas para reducir e facer un uso máis eficiente de funxicidas de síntese química. Entre as conclusión neste caso comentan que “nalgunhas ocasións predín bastante ben as enfermidades e pódense reducir de forma bastante significativa as doses aplicadas” pero que aínda é necesario traballar “no gran potencial destas ferramentas” para evitar que o seu emprego poida supor perda na produción.