Trátase dunha iniciativa do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais
Un proxecto e unhas xornadas para fomentar os recursos apícolas en contornas forestais
Con financiamento do V Plan Social Ence Pontevedra
Entre os proxectos financiados polo V Plan Social Ence Pontevedra está Fomentando a biodiversidade: + recursos apícolas en contornas forestais. Nel, o Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais da Universidade de Vigo traballa na avaliación dos recursos de pole que as abellas utilizan en áreas forestais costeiras, concretamente en eucaliptais, para propor medidas de acción que incrementen estes recursos na contorna das colmeas. No marco da súa programación, o venres 14 de novembro o proxecto celebrará unha xornada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense.
Diferentes liñas de acción
Segundo explica a catedrática da UVigo e coordinadora do Grupo de investigación en Sistemas Agroambientais María Carmen Seijo, traballos previos teñen sinalado unha “crecente tendencia á desaparición de colonias de abellas melíferas en todo o mundo” e a súa mortalidade asóciase a diferentes factores, entre os que se atopa “a calidade nutritiva” e a diversidade do pole que teñen á súa disposición. Neste contexto, o proxecto Fomentando a biodiversidade: + recursos apícolas en contornas forestais ten como obxectivos incrementar a dispoñibilidade de especies produtoras de pole de calidade na contorna das colmeas; aumentar a biodiversidade en áreas forestais e promover a apicultura en áreas forestais mellorando o estado nutricional das colonias.
Para acadar estes obxectivos, o proxecto conta con diferentes liñas de acción. Realizará ensaios de campo en colmeas situadas nos municipios de Marín, Poio e Pontevedra, seleccionando un conxunto de colmeas en cada lugar para realizar o seguimento das fontes de pole que as abellas obteñen da contorna. Tamén se realizará a cuantificación do valor nutritivo do pole colleitado polas abellas e o seguimento sistemático das especies en flor na contorna. Por último, levarase a cabo o deseño dun programa para a introdución de especies que fornezan pole de boa calidade para as abellas, co obxectivo de aumentar a dispoñibilidade deste alimento esencial para os polinizadores. Con estas accións, indican desde o proxecto, contribuirase a aumentar a biodiversidade e á conservación dos insectos, en concordancia cos obxectivos da Axenda 2030 e a estratexia de conservación da Biodiversidade, a Estratexia Nacional para a Conservación dos Polinizadores e os plans de conservación de polinizadores que puxeron en práctica moitos países.
Cita en Ourense o día 14
No marco da súa programación, o proxecto realizará unha xornada co seu mesmo título, Fomentando a biodiversidade: + recursos apícolas en contornas forestais, o vindeiro venres 14 de novembro, na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, na que se afondará nas súas liñas de actuación. Nela, haberá conferencias sobre a diversidade de recursos apícolas en España e as bases para unha apicultura sostible; sobre as axudas á apicultura; sobre abellas, apicultura e desafíos do cambio climático e a perda de biodiversidade; e sobre o valor nutricional do pole apícola. Serán ofrecidas por Amelia Virginia González, do Instituto Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario y Forestal de Castilla-La Mancha e o Centro de Investigación Apícola y Agroambiental de Marchamalo; Marcos Barreiro, xefe do servizo de Análise e Informes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural; Antonio Nanetti, do Centro di Ricerca Agricoltura e Ambiente, do Consiglio per la Ricerca in Agricoltura e l’Analisi dell’Economia Agraria, de Bolonia (Italia); e Soraia Isabel Marcos Falçao, do Centro de Investigação de Montanha, Instituto Politécnico de Bragança (Portugal). Xa pola tarde haberá obradoiros de análise palinolóxica do mel e outro sobre o seu universo sensorial. A inscrición, de balde, está aberta ata o 11 de novembro.
