DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu unha xornada con este obxectivo

Proxectos e persoas para visibilizar o deporte inclusivo e feminino

A cita celebrouse na Facultade de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 15/06/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da xornada A igualdade no deporte, na que se abordou a práctica deportiva en relación coa inclusión e tamén coa muller. A cita contou coa presentación de tres proxectos que xuntan estes tres eixes de actuación, e que teñen en común ser potenciados desde a comunidade universitaria, e co relato das súas experiencias e traxectorias por parte de varias deportistas semiprofesionais ou profesionais.  

A xornada estivo organizada polo profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Facultade de Educación e Traballo Social Millán Brea e contou con financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Con ela deuse continuidade a outra celebrada antes da pandemia, en xuño de 2019, baixo o título Visibilización en positivo! Rachando o teito de cristal dende o deporte. “A idea desta xornada é contribuír a visibilizar o deporte feminino de alto nivel e tamén dar conta de proxectos de inclusión espectaculares, coordinados por mulleres, e que están sendo potenciados desde a Universidade e na cidade de Ourense”, comentou o responsable da iniciativa.

Todas e todos iguais

A programación arrancou pola mañá coa exposición de tres proxectos inclusivos e innovadores no deporte e que teñen “a muller coma referente e motor”. Anxela Pérez, estudante do Grao en Educación Social, explicou o proxecto Xogando a Todo, do que é coordinadora desde a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE). Trátase, apuntou, “dunha actividade inclusiva que facemos en colaboración con ADO, Asociación de Discapacidade de Ourense, e que consiste en que todos os xoves pola mañá, durante unha hora e media, quedamos na Casa da Xuventude e facemos actividades cada mes dedicadas a un deporte diferente, un mes baloncesto, un mes fútbol sala, un mes voleibol, etc”. Nas sesións, comentou, membros de ADO e da Universidade realizan actividades conxuntas relacionadas co deporte protagonista cada mes. A actividade, recalcou, permite ás e aos participantes “ver que todas e todos somos iguais e capaces e que non hai distinción entre un perfil ou outro de persoa” e camiñar cara o soño da inclusión, de que “todas e todos teñamos as mesmas posibilidades no futuro, que poidamos ser o que queiramos ser”. Xogando a Todo retomouse este ano despois do parón provocado pola pandemia e terá continuidade o vindeiro curso académico.

Tamén desde a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, premiada pola UVigo pola súa actividade tanto no eido do deporte como da igualdade, presentouse a súa actividade de fomento do fútbol gaélico mixto. “Esta asociación foi pioneira en fomentar este deporte mixto, buscando a inclusión para que todas as rapazas e rapaces puideran probalo”, comentou Millán Brea. Igualmente tamén se falou do quidditch, xogo ou deporte inspirado nas novelas de Harry Potter, que a asociación quere retomar o vindeiro curso académico despois dunha experiencia desenvolvida en 2019. Por último, falouse na xornada do proxecto O Baloncesto Educa, unha iniciativa de intervención destinada a reducir os conflitos entre familias nas gradas dos partidos de minibaloncesto. Para iso, apuntou o responsable da xornada, que tamén coordinou este proxecto, formouse a adestradoras e adestradores, familias e xogadoras e xogadores arredor de varios clubs de baloncesto galegos, maioritariamente femininos, afondando na xestión de conflitos.

En primeira persoa

Xa pola tarde, a xornada contou cun faladoiro sobre a situación actual do deporte profesional feminino e sobre como rachar o teito de cristal. Nel estaba previsto que intervisen Aida Pérez e Clara Barrios, campioas de España de voleibol de praia e estudantes; Noelia Cacheiro, xogadora e adestradora do Newcastle (Reino Unido) e alumna de doutoramento; Ana Rivera, xogadora profesional de fútbol sala internacional, que estudou ADE no campus de Ourense, e Judith Rodríguez, campioa de España e da Copa do Mundo 2022 en esgrima adaptada e tamén estudante. “Pensamos que é bo que a xente, neste caso a comunidade universitaria, coñeza persoas que poden estar estudando con elas pero que tamén fan deporte semiprofesional ou profesional, que ademais de ir a aulas están viaxando para competir a un nivel moi alto”, sinalou o coordinador da iniciativa.