DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro candidaturas concorren ao proceso que rematará o día 27 de marzo

O PTXAS elixirá en menos dunha semana unha nova Xunta de Persoal Funcionario 

Máis de 750 persoas votarán as e os seus 21 representantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/03/2025

O proceso para a elección da nova Xunta de Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos Funcionario da UVigo encara a súa recta final, logo da proclamación definitiva de candidaturas o pasado luns e o inicio da campaña electoral, que se prolongará ata o día 25 de marzo. O día seguinte será a xornada de reflexión e o 27 celebraranse as votacións, entre as 9 da mañá e as 18.30 horas, nos campus de Vigo (Lagoas-Marcosende e Torrecedeira), Ourense e Pontevedra.

Neste proceso electoral, os máis de 750 PTXAS que actualmente traballan na UVigo elixirán os e as 21 representantes que integrarán a Xunta de Persoal Funcionario, que será o único órgano de representación sindical do persoal técnico de xestión de administración e servizos funcionario logo da desaparición dos comités de Pontevedra e Ourense, que representaban ao persoal laboral.

Catro candidaturas, coa novidade de FOL

Finalmente serán catro as candidaturas que concorrerán á votación do día o 27 de marzo: CIG, CCOO, Frente de Obreros en Lucha en la Universidad de Vigo e UGT. A CIG, forza maioritaria na actual Xunta de Persoal, concorre cun compromiso nas proposta e melloras sociais centradas en: a negociación dunha carreira profesional e unha nova RPT, adaptada ás necesidades actuais; formación axustada ás necesidades actuais e proxectada á promoción; esixencia dos compromisos e mantemento do acordado no documento de funcionarización e adaptación da xornada laboral, prestación de servizos e modalidades de traballo. Carlos Mollinedo, Rodrigo Alberte Pivida e María José Ríos Santome, encabeza esta candidatura.

Pola súa banda, CCOO demanda no seu programa un recoñecemento do seu papel por parte do equipo e goberno que se debe traducir en: unha carreira profesional  e actualización da RPT; plans de formación específicos para mellorar no traballo; posibilidade de teletraballar e de ter flexibilidade horaria, cobertura de baixas, prevención do acoso laboral, acción social xusta e equitativa e máis coidado da saúde e xubilación parcial, que facilite a transmisión da súa experiencia ás novas xeracións. Os posto de cabeza da lista de CCOO están ocupados por Victoria Crespo, Berta Covelo de Nuria Andión.

Mentres, FOL, Frente de Obreros en Lucha en la Universidad de Vigo, que concorre por vez primeira este proceso electoral, basea o seu programa electoral nas seguintes liñas: redución da temporalidade, actualización da RPT e fin dos postos de libre designación abusivos; transparencia salarial, concursos de méritos periódicos e promoción interna real; xornada máis flexible, teletraballo regulado e bolsa de horas para necesidades persoais; fin da administración paralela e das duplicidades na xestión e reversión da privatización de servizos. Javier Novas, María del Carmen Álvarez e Alejandro Martínez ocupan os tres primeiros postos da candidatura.

E UGT concorre a estas eleccións co obxectivo transversal e primordial de negociar a carreira profesional para todo o PAS da UVigo, establecer o acordo de xubilación parcial e dedicar os aforros á carreira profesional e co compromiso prioritario da promoción e desaparición do grupo C2. Os e as cabezas de lista desta candidatura son Pablo Álvarez, María Moreira e José Manuel Sóñora.

Onde e cando votar

O PTXAS con dereito a participar neste proceso poderá votar no campus de Lagoas-Marcosende entre as 9.00 e as 12.00 horas e pola tarde entre as 16.30 e as 18.30 na sala de xuntas da planta baixa do edificio Exeria. No campus de Torrecedeira as votacións desenvolveranse entre as 13.00 e as 16.00 horas na aula de audiovisuais da Escola de Enxeñería Industrial.

No campus de Ourense, entre as 9.00 e as 18.30, o PTXAS poderá votar na sala de profesores da 4ª planta do Edificio de Ferro, mentres que en Pontevedra, no mesmo horario, o lugar de votación será a sala de xuntas da Escola de Enxeñaría Forestal.

As últimas eleccións á Xunta de Persoal celebráronse no ano 2018, quedando daquela integrada por sete delegados da CIG e seis de UGT.