DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Laura Movilla é a súa autora

Unha publicación aborda a dimensión normativa da gobernanza internacional da auga doce

Nela propón unha construción xurídica harmonizadora desta regulación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 17/02/2022

“Nesta obra identificamos e examinamos as distintas fontes formais do Dereito Internacional, os seus medios auxiliares e outros instrumentos xurídicos que se ocupan da regulación internacional dun recurso vital, estratéxico, multidimensional e sometido cada vez a máis presións a nivel mundial: a auga doce”. Así presenta Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, a súa segunda monografía, titulada La dimensión normativa de la gobernanza internacional del agua dulce.

Un marco fragmentado

Por regulación internacional da auga doce, sinala a profesora da Facultade de Dereito do campus de Ourense, no libro enténdese “aquela que transcende as fronteiras estatais e o dereito interno dos estados”. Abarca así, tal e como recolle a súa publicación, “a regulación transfronteiriza dos cursos de auga internacionais, é dicir, aqueles compartidos por dous ou máis estados pero tamén toda regulación deste recurso que teña unha vocación de universalidade, como pode ser o desenvolvemento normativo dos dereitos á auga e ao saneamento no marco do sistema de protección dos dereitos humanos das Nacións Unidas ou o desenvolvemento da súa protección ambiental a nivel internacional”.

O estudo destes instrumentos e da súa interrelación, comenta Laura Movilla, permite observar unha crecente dimensión xurídica da gobernanza internacional da auga doce, “aínda fragmentada”, na que conviven distintas categorías de normas e instrumentos xurídicos procedentes de distintos ámbitos materiais do ordenamento xurídico internacional e distintos suxeitos e actores internacionais. “Somos conscientes de que a gobernanza da auga é un proceso que opera a distintos niveis -como o local, nacional, de conca, transfronteirizo, rexional ou universal-, así como da interrelación vertical entre os distintos niveis de gobernanza”, apunta a profesora. Con todo,  subliña, “o obxecto desta obra é a dimensión xurídica da gobernanza que se dá a un nivel máis aló do estritamente nacional, é dicir, a gobernanza internacional da auga en sentido amplo, incluíndo a universal, rexional e transfronteriza”. Trátase, engade a xurista, dun enfoque horizontal dentro dese nivel de gobernanza internacional, no sentido de que o libro céntrase maioritariamente na identificación e interacción entre instrumentos xurídicos emanados de suxeitos e actores internacionais.

Evolución, análise e proposta

A publicación, editada por Tirant lo Blanch, comeza facendo un percorrido pola evolución material da regulación internacional da auga doce, así como unha introdución ás súas fontes, medios auxiliares e outros instrumentos xurídicos que a compoñen. De seguido analiza en detalle os tratados internacionais sobre auga doce (bilaterais, multilaterais e rexionais) e as dúas convencións globais respecto diso, como outros tratados internacionais que tamén inflúen sobre os recursos hídricos. Segue abordando o costume internacional sobre os cursos de auga internacional e a súa codificación pola Comisión de Dereito Internacional e os principais xenerais do dereito internacional aplicables á auga doce, incluídos os propios do dereito internacional do medio ambiente e os principios e criterios propios da gobernanza internacional da auga máis recentes. Ao longo das máis de 400 páxinas da monografía, Laura Movilla tamén aborda outros instrumentos xurídicos internacionais agrupables baixo a categoría de soft law, como os acordos non normativos, as declaracións de principios, as resolucións e documentos non vinculantes de conferencias internacionais, organizacións internacionais, estruturas institucionais de tratados multilaterais ambientais, procedementos  operativos de institucións financeiras internacionais ou estándares técnicos voluntarios. A publicación analiza tamén a principal xurisprudencia internacional neste ámbito e a súa contribución ao desenvolvemento do dereito dos cursos de auga internacionais, así como tamén a contribución da doutrina xurídica e dos expertos científicos.

“Deste estudo despréndese que na práctica, calquera actor que teña que identificar ou interpretar os instrumentos xurídicos neste ámbito atópase, en moitos casos, cun amplo abanico dos mesmos, de distinto status xurídico e procedentes de distintos sectores materiais, cuxa interacción pode non resultar sempre pacífica”, sinala a docente. Por iso, engade, o libro conclúe cunhas consideracións finais nas que se propón unha construción xurídica harmonizadora da gobernanza internacional da auga doce baseada sobre todo nos principios de harmonización e interpretación sistémica.

Continuidade na liña de investigación

Esta é a segunda monografía de Laura Movilla e con ela dá continuidade á súa liña de investigación no eido da gobernanza internacional dos recursos hídricos, principalmente en acuíferos transfronteirizos. Esta temática centrou a súa tese de doutoramento, que recibiu o I Premio Adolfo Miaja de la Muela á mellor tese en Dereito Internacional Público, concedido pola Asociación Española de Profesores de Dereito Internacional e Relacións Internacionais. A profesora forma ademais parte da Comisión sobre Acuíferos Transfronteirizos da Asociación Internacional de Hidroxeológos, que traballa en estreita relación con Programa Hidroxeológico Internacional da Unesco, e recentemente foi galardoada co premio da IWRA Water Drop Award, da asociación académica de referencia internacional en recursos hídricos.