DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase das actas do quinto congreso internacional do Campus Auga

Unha publicación aborda a sostibilidade dos recursos hídricos desde o punto de vista da ciencia, a empresa e o benestar

Recolle 15 artigos de especialistas en diferentes ámbitos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 01/07/2025

A finais de setembro de 2024, o campus de Ourense celebrou o V Congreso Internacional da Auga, o evento de referencia para o seu campus de especialización, acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, Campus Auga. Collendo como título o lema desa cita, A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar, publícanse agora as súas actas

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, ten como coordinadores a Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Mª Montserrat Cruz, presidenta do comité organizador do citado congreso. Nel recóllense 15 artigos presentados a este evento científico e asinados por un amplo abano de especialistas arredor de catro eixos temáticos, como son actividade turística e auga; termalismo; economía circular e empresa, economía e auga. Así, ao longo das súas páxinas abórdanse múltiples aspectos relacionados coa temática da auga, tales como o patrimonio hídrico e a súa xestión en empresas e turismo, incluíndo aspectos sobre a sostibilidade hídrica, o patrimonio e o termalismo. Ademais, explóranse aspectos relacionados coa economía circular, a responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos. 

Multidisciplinariedade

“A auga constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar”, comentan os responsables da publicación. Dentro da temática xeral sobre a auga, o libro, engaden, proponse analizar diferentes liñas de estudo, expondo de forma diferenciada resultados ou modelos de investigación que seguen áreas de coñecemento como a actividade turística e a auga, a xestión termal, a economía circular e a empresa. 

Entre os traballos expostos están as últimas investigacións arqueolóxicas no balneario de Carlos III (Guadalajara); o programa de termalismo social do Imserso; a revitalización de balnearios en desuso na España baleirada; o efecto do cociñado con auga termal sobre o contido en minerais e metais pesados; a planificación turística no Amazonas ou a xestión sostible dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe. Entre os artigos asinados por persoal investigador da Universidade de Vigo hai traballos sobre as augas mineromedicinais do Camiño Miñoto Ribeiro; a situación actual dos peloides elaborados con augas de Galicia; os informes de sostibilidade medio ambiental e a interrelación entre turismo e acuicultura en España. 

Segundo indican os seus coordinadores, este libro de actas El agua como recurso sostenible. Ciencia, empresa y bienestar constitúe “un documento para que o persoal investigador e profesional, tanto do ámbito público como empresarial, camiñen conxuntamente en aras de seguir profundando neste recurso imprescindible para a vida e xerador de desenvolvemento económico e social”. Así, detallan, a publicación segue a mesma filosofía do congreso de ser un punto de “encontro científico e de xeración e transferencia de coñecemento sobre distintos aspectos da auga”, recompilando e difundindo traballos de especialistas estatais e internacionais, estimulando esta área de investigación, facilitando a actualización do coñecemento en aspectos relacionados cos recursos hídricos, dando a coñecer diferentes modelos de xestión e explotación deles e fortalecendo a colaboración neste eido.