DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da UVigo Manuel Isorna é un dos seus coordinadores

Unha publicación aborda de xeito multidisciplinar a submisión química e o uso de substancias psicoactivas en agresións sexuais

Analiza a prevención, detección e intervención ante esta problemática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 17/04/2023

Sumisión química y uso de sustancias psicoactivas en las agresiones sexuales. Prevención, detección e intervención de un problema multidisciplinar. Este é o título dunha publicación presentada este luns e coordinada polos psicólogos, profesores e investigadores galegos Manuel Isorna (Universidade de Vigo) e Antonio Rial (Universidade de Santiago) e polo catedrático de Dereito Penal José Ramón Agustina (Universitat Abat Oliba CEU, Barcelona). Con achegas de especialistas estatais na materia, o libro pretende “determinar como previr, detectar e intervir de forma adecuada ante situacións e persoas que presentan síntomas de estar baixo a influencia do uso de sustancias psicoactivas e que puideron afectar o consentimento sexual libre e consciente das presuntas vítimas”.

A presentación da publicación tivo lugar na sede do Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto no que, alén dos seus coordinadores galegos, participaron a decana do Colexio Oficial da Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez, e a decana da Facultade de Psicoloxía da USC, María José Sampedro. Previamente, o libro tamén foi presentado polos seus coordinadores ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e a representantes dos diferentes grupos parlamentarios, como son Noelia Pérez (PPdeG), Iria Carreira (BNG) e Begoña Rodríguez (PSdeG).

Segundo destacan os coordinadores da publicación, editada por Atelier Libros Jurídicos, trátase “do primeiro libro que aborda en España con verdadeiro rigor científico o alarmante problema da submisión química e as agresións sexuais no lecer nocturno, dende unha óptica multidisciplinar e o máis estrito sentido da responsabilidade social e institucional”. Lonxe de calquera tintura ideolóxica ou da polémica suscitada pola recente lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, máis coñecida como “lei de só si é si”, os responsables da publicación indican que esta tenta ofrecer “unha análise integral, obxectiva e proactiva desta crecente problemática”.

Nos últimos anos, recóllese no libro, os datos oficiais referidos ao consumo de sustancias psicoactivas en mocidade e adolescentes, unido á crecente casuística dos asaltos sexuais asociados ao lecer nocturno, veñen suscitando "un alto grao de alarma e preocupación social". Neste contexto, sinalan que “proliferaron de maneira particular as victimizacións sexuais nas que o consentimento sexual da vítima viuse gravemente afectado polas súas condicións psicofísicas, chegándose a dobregar o seu estado de conciencia polo uso inducido e subrepticio de sustancias por parte do asaltante (submisión química); ou ben polo aproveitamento consciente (ou non) dunha situación de ausencia de discernimento provocada por unha inxesta voluntaria da propia vítima (vulnerabilidade química)”. Neste marco, segundo recolle a obra, “a lei do só si é si prevé, xunto á reforma dos delitos sexuais, un abanico de medidas dirixidas á prevención e formación, en sentido amplo, para garantir o consentimento e a liberdade sexual”.

Monografía colectiva

Na monografía colectiva presentada este luns, ponse, segundo se recolle nela, “por primeira vez a disposición do lector un interesantísimo elenco de achegas multidisciplinares sobre a mesma realidade e a diversa fenomenoloxía dos casos de vulnerabilidade e submisión química”. Estas achegas, detallan, combinan enfoques metodolóxicos e disciplinares complementarios e necesarios para abarcar a complexidade dos problemas obxecto de estudo e “deberían axudar na formación e reciclaxe de todos os colectivos profesionais que dunha forma ou outra actúan ante casos sospeitosos de submisión ou vulnerabilidade química e así poder actuar con maior coñecemento ante un reto como o que expoñen estas novas formas de atentar contra a liberdade sexual”.

A obra está concibida a modo de manual de especialización para diversos graos ou cursos de posgrao, tanto do ámbito socio-sanitario (medicina e psicoloxía forense ou psicoloxía clínica) como no educativo en sentido amplo (educación social, psicoloxía educativa, psicoloxía da saúde), así como no ámbito do traballo social e, por suposto, no da criminoloxía, “que os incluiría a todos eles”. Nela, indican os seus coordinadores, participan algúns dos “mellores expertos de toda España” na temática abordada, reunindo especialistas tanto do eido da psicoloxía e a educación como das forzas e corpos de seguridade, a criminoloxía, o traballo social ou o dereito.

Segundo se recolle na publicación, “non existe en España ningún manual que aborde de forma integral e multidisciplinar o problema do uso de drogas facilitadoras do asalto sexual e a recolección dos traballos que aquí se incorporan posúe unha función esencial, tamén na liña de axudar a traballar con coñecemento de causa nos programas de prevención e formación que se propoñen na nova lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual”. Para iso, detállase nela, “preséntanse propostas que, en boa medida, constitúen as claves e desafíos para a loita contra esta crecente secuela social".