DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Alberto Pena analiza este “singular fenómeno xornalístico" en ‘Comunicar en la diáspora’

Unha publicación afonda nas orixes e traxectoria da prensa e a radio portuguesa nos Estados Unidos

Detense tamén no seu uso propagandístico pola ditadura e os seus opositores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 14/02/2022

No ano 2020, o selo da Universidade de Massachusetts Tagus Press publicaba News on the American Dream, a primeira historia da prensa portuguesa nos Estados Unidos, un volume resultado das investigacións do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Pena sobre as máis de 160 publicacións que a inmigración portuguesa impulsou nos Estados Unidos desde finais do século XIX. Resultado das estadías que desenvolveu desde 2012 nas universidades de Brown, Harvard, California Berkeley e Massachusetts-Dartmouth, a investigación compilada neste libro vese agora continuada por Comunicar en la diáspora. Prensa, periodismo, radio, exilio y propaganda entre los inmigrantes portugueses en Estados Unidos (1877-1950). Dirixido a ofrecer, como indica, “unha visión panorámica” sobre a comunicación da “comunidade luso-americana”, o libro editado por Comares afonda tanto nas orixes e a traxectoria de publicacións impresas en portugués, como no xurdimento, na década de 1930, das primeiras emisións radiofónicas neste idioma, así como nas causas e consecuencias deste “singular fenómeno xornalístico” e en como estes medios se converteron no escenario “de campañas de propaganda a favor e en contra” da ditadura de Antonio Oliveira de Salazar.

Trátase, como sinala Pena, dun volume que “propón unha mirada interdisciplinar sobre o discurso informativo” desta comunidade ao longo do seu “período máis frutífero”, que abrangue desde a aparición do primeiro xornal en portugués nos EEUU, en 1877, ata 1950. Ademais de sumar novos datos á historia da prensa portuguesa, Comunicar en la diáspora incorpora tamén “novos elementos relacionados co exilio e propaganda” á análise deste fenómeno comunicativo. Nese senso, o docente e investigador pon de relevo que o “poder e influencia dalgúns periódicos portugueses era enorme” na comunidade inmigrante, en especial en aqueles estados nos que era máis numerosa, como Massachusetts ou California, nos que contribuíu a “crear unha opinión pública con voz propia”. 

Das orixes da prensa á irrupción da radio

Dando continuidade a News on the American Dream, Pena aborda neste libro como os inmigrantes portugueses fundaron cando menos 167 publicacións impresas de diferentes periodicidades ata en dez estados diferentes. “A maioría dos periódicos tiñan audiencias moi pequenas e eran efémeros”, recoñece o investigador, que destaca que de todas as publicacións que puido rexistrar no marco da súa investigación, “preto da metade duraron menos de dous anos”. Non obstante, tamén existiron cabeceiras cunha longa traxectoria e ampla difusión, rexistrándose a existencia de 18 publicacións que permaneceron activas máis de 20 anos. Ese é o caso do xornal Diario de Noticias de New Bedford (Massachusetts), que se publicou entre 1927 e 1973, e do semanario O Jornal Portugués de California, editado en Oakland entre 1932 e 1997. 

Dirixidos a audiencias moi concretas e dependentes en gran parte de pequenos anunciantes, estes xornais víronse afectados polo xurdimento das emisións radiofónicas en portugués nos Estados Unidos. “A finais dos anos 20 houbo unhas primeiras experiencias, pero de maneira formal, o primeiro programa, A hora portuguesa, emitiuse en maio de 1930 nunha emisora local de California”, explica Pena, que recoñece que “o impacto deste novo medio na comunidade luso-americana foi enorme”. Só no estado de California, recolle o libro, chegaron a emitirse máis de 150 programas diferentes en portugués ao longo da historia, á vez que xurdiron empresas como a Latin-American Broadcasting Corporation, “desde a cal empezaron a producirse programacións radiofónicas en diferentes lugares, incrementando a súa audiencia nos diferentes núcleos de poboación, tanto na costa leste como na oeste”, salienta. Ao mesmo tempo, nun libro que pon o foco “nos inicios da radio portuguesa” nos EEUU, Pena incide nos seus efectos sobre a prensa luso-americana, que vía como “as radios atraían moita publicidade”, provocando que algúns “tivesen dificultades para sobrevivir” ou obrigando á fusión de diferentes cabeceiras. 

Unha prensa libre, mais presionada pola ditadura 

O amplo seguimento que varios destes medios tiñan entre a comunidade inmigrante provocou que, especialmente entre 1935 e 1950, estes adquirisen “unha especial relevancia como instrumentos de propaganda”, tanto pola ditadura do Estado Novo como polos seus opositores. “Creaban opinión e servían como instrumentos de mobilización”, salienta Pena, que afonda no libro en como esta “intensa pugna” chegou a “inquietar ao goberno portugués”. A ditadura de Salazar, explica, “temía que as campañas dos opositores nos Estados Unidos, particularmente as lideradas polo ex-ministro republicano Joao Camoesas, chegaran a exercer algún tipo de influencia sobre o goberno americano” ou mesmo “puideran ter algún tipo de impacto en Portugal”. De aí que, a través da embaixada, dos consulados e do Secretariado de Propaganda Nacional, tratase de que os medios da comunidade proxectasen “unha imaxe favorable da ditadura coa que os inmigrantes se sentisen identificados”, mediante a publicación de artigos, da organización de eventos e “das subvencións directas e indirectas” a estes medios. “Utilizaron todo tipo de presións. Sendo esa prensa completamente libre, intentaron estender a esta a censura e a represión política e mediática que había en Portugal”, subliña Pena, que incide en como os axentes da ditadura presionaban aos editores para que “non publicaran artigos de líderes da oposición política, como Camoesas”, quen iniciou a súa actividade na prensa portuguesa nos EEUU no seminario O Colonial de Fairhaven (Massachusetts) e publicou numerosos artigos no Diario de Noticias, que era a finais da década 1940 o único "medio relevante da colonia na que os opositores podían facer propaganda antisalazarista”.