DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Antonio Fraiz e Noelia Araújo son os seus coordinadores

Unha publicación analiza a evolución da actividade turística española en 2018

Está editada pola Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/01/2020

Anualmente, a Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit) pon en cifras a actividade turística en España cun informe no que participa un amplo abano de especialistas. O seu último número, correspondente a 2018, acaba de ser publicado baixo a coordinación dos profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense José Antonio Fraiz e Noelia Araújo. Nel poñen debullan a evolución dun sector “clave” da economía estatal.

O libro, que leva por título La actividad turística española 2018, foi presentada recentemente pola entidade patrocinadora e os seus coordinadores na feira de turismo Fitur. No libro, indican os seus responsables, “faise un percorrido polos aspectos máis relevantes que caracterizan a evolución do sector turístico ao longo de 2018”. Segundo detallan os profesores da Universidade de Vigo, esta publicación, que acada o seu número 25, é “un referente dentro da investigación turística en España, pois ao mesmo tempo que achega unha visión global da actividade turística, esta faise co máximo rigor técnico e científico”.

Achegas de 61 especialistas

Na elaboración dos contidos da publicación participaron arredor de 61 especialistas pertencentes a Aecit, asociación investigadora e profesional que agrupa a 250 socios relacionados co sector do turismo, desde empresas e universidades ata institucións e consultoras. Os contidos do libro, indican os seus coordinadores, estrutúranse en cinco bloques, que abranguen a conxuntura económica, a xestión pública, a evolución turística en cada comunidade e cidade autónoma, as tipoloxías turísticas e un dicionario de conceptos actualizado. Entre as conclusións xerais, os responsables do informe apuntan como “o turismo segue participando amplamente do PIB español, máis dun 11%, segue a ser un sector clave” e como España é “un país récord na chegada de turistas internacionais, máis de 80 millóns”.

O principal apartado da publicación, indican José Antonio Fraiz e Noelia Araújo, está dedica á análise por territorios e nel destacan como “a oferta mantense pero aumenta a demanda, polo que melloran as cifras de aloxamento”. Neste bloque, os coordinadores do libro xunto ao tamén profesor do campus de Ourense Diego Toubes foron os encargados de realizar a análise dos datos referidos a Galicia. “Os datos de Galicia en 2018 son bos, especialmente positivos nos cinco primeiros meses”, indican os autores deste estudo. Entre as cifras manexadas apuntan como Galicia contaba en 2018 con arredor de 11.600 aloxamentos turísticos de todo tipo e unha demanda de 10,2 millóns de pernotacións, segundo o Clúster do Turismo de Galicia. Alén de Santiago de Compostela, no informe “destacan os bos resultados de Vigo e Sanxenxo, con ocupacións que superan o 90%” e no caso de Ourense a Ribeira Sacra, “con case un 80% de ocupación, cifra moi boa para ser fóra dunha das principais cidades galegas”.

No que respecta ás tipoloxías de turismo, a publicación apunta o auxe de turismos como o rural, sobre todo en Catalunya, Andalucía e Aragón, “onde se ten convertido nun turismo principal”, e o de cruceiros, cuxa cifra de pasaxeiros en 2018 “foi de dez millóns. Outras tipoloxías en auxe, engaden os coordinadores do libro, son o turismo enolóxico, “que está collendo moita forza, incrementándose un 20% respecto ao ano anterior”; o turismo de cine, “que está arrancando con moita forza, sobre todo en Canarias”, e o turismo de neve, que “sube un 7%”. Polo que respecta á política de xestión, entre outros aspecto abórdase neste documento o impacto do Brexit apuntando como está a impactar xa co peche de hoteis de cadeas británicas.

Un estudo premiado tamén por Aecit

Tamén na feira Fitur, un traballo feito por profesorado da Facultade de Ciencias Empresarriais e Turismo de Ourense acadou o Premio Aecit ao mellor artigo científico nas xornadas celebradas pola asociación. O artigo foi publicado no Journal of cleaner production baixo o título Dimensions of destination competitiveness: analyses of protected areas in Spain e está asinado por José Antonio Fraiz, Ana Gueimonde, Lidia Blanco e Isabel Diéguez. A investigación, apuntan as e os seus atuores, “afonda nas dimensións que comprenden a competitividade turística, abordando a conceptualización e medición da competitividade turística de áreas protexidas, un tipo específico de destinos que non só posúen características intrínsecas, senón incluso excepcionais”. No traballo analizáronse 102 áreas protexidas en España (parques nacionais ou naturais e reservas de biosfera), concluíndo que “a competitividade turística das áreas protexidas compóñese de cinco dimensións relacionadas significativa e positivamente”. Esas dimensións citadas son a súa capacidade para atraer visitantes, o benestar social da comunidade local e a sostibilidade turística relacionada coa preservación da natureza, a creación dun sentimento de comunidade, e o benestar económico da comunidade local.