Realizada desde a UVigo por Paula Frieiro e Rubén González
Unha publicación analiza o papel do traballo social ante a conduta suicida
Fai un percorrido polas estratexias e accións en prevención, intervención e ‘posvención’
El trabajo social ante la conducta suicida é o título dunha nova publicación realizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Nela, Paula Frieiro e Rubén González, membros do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo, reivindican e analizan o papel estratéxico que as e os traballadores sociais poden e deben ocupar na intervención con persoas en risco de conduta suicida e as súas contornas.
Fortalecemento das capacidades
No libro, editado por Andavira Editora, o seu autor e autora sinalan que a conduta suicida constitúe “un grave problema de saúde pública” a nivel mundial. Nela inclúese unha variedade de situacións complexas, como a ideación suicida, a planificación, o intento de suicidio e o suicidio en si e polo tanto, apuntan, a súa atención require abordar e previr todas as conductas relacionadas. Neste contexto, advirten que a perspectiva e a voz do traballo social teñen estado notablemente ausentes na literatura académica e profesional durante moitos anos. Esta falta de representación desta disciplina, comentan, “ten sido preocupante, xa que os seus profesionais desempeñan un papel crucial na prevención do suicidio, na intervención en crises e no apoio postsuicidio”.
Fronte ao tabú que tradicionalmente ten rodeado a conducta suicida e tendo en conta o seu profundo impacto tanto a nivel individual como comunitario, o traballo social, explican Paula Frieiro e Rubén González, membros do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, “debe desempeñar un papel crave, traballando en conxunto con outras disciplinas para ofrecer apoio e estratexias efectivas tanto ás persoas en risco como á súa contorna”. Así, recalcan, “a colaboración interdisciplinaria e o fortalecemento das capacidades de investigación son fundamentais para mellorar as prácticas e políticas destinadas a previr o suicidio, así como para apoiar ás comunidades potencialmente afectadas”. As e os profesionais do traballo social, engaden, “como principais provedoras de acompañamento e atención social, traballan nunha ampla variedade de contextos e atópanse nunha posición estratéxica para intervir con persoas en risco de conduta suicida”.
Por tanto, recolle a publicación, “é imperativo que esta disciplina se involucre máis activamente na investigación e o debate sobre a conducta suicida, liderando o desenvolvemento de prácticas e políticas eficaces que dean resposta á complexidade e á urxencia desta problemática”. Isto implica, apuntan os investigadores da UVigo, que a comunidade do traballo social debe implicarse na investigación e na avaliación e deseño de programas preventivos, de intervención e de posvención, dirixidos non só a quen están en risco de suicidio, senón tamén a aquelas persoas que enfrontan o duelo por suicidio. Atendendo a estas necesidades é onde xorde o libro El trabajo social ante la conducta suicida.
Do contexto á intervención
A publicación arranca cunha aproximación á historia, modelos, conceptos e contexto arredor da conduta suicida, para continuar analizando os factores de risco e protección ante ela. “Para mellorar a práctica, o traballo social ten que comprender os patróns demográficos e as tendencias, recoñecendo as diferenzas socioculturais, como o aumento das taxas de suicidio entre as persoas novas dos países occidentais”, sinalan os autores do traballo. A prevención, a intervención e a ‘posvención’ constitúen o núcleo central do libro. No caso da prevención analízanse os diferentes tipos que hai, a comunicación e as accións preventivas en ámbitos como o educativo nas diversas comunidades autónomas. Neste punto destácase a importancia de abordar esta etapa desde “unha visión macro, identificando e avaliando grupos socioeconómicos máis susceptibles á conduta suicida”. No apartado da intervención abórdanse as diversas estratexias por comunidades autónomas e por tipololoxía e na posvención cuestións como o duelo e os grupos de apoio. “A pesar da súa importancia, a posvención, entendida como o conxunto de accións orientadas a brindar apoio emocional e psicolóxico ás persoas afectadas por un suicidio, como familiares, amigos ou a comunidade, foi unha área pouca explorada na investigación en traballo social”. Completan a publicación capítulos dedicados ao marco legal e ético e aos recursos de apoio social e boas prácticas.