DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada desde o grupo de investigación Ephyslab da UVigo

Unha publicación analiza a rama atmosférica do ciclo hidrolóxico

Abrangue desde a evaporación oceánica ata a precipitación nos continentes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 28/03/2022

A rama atmosférica do ciclo hidrolóxico. Dende a evaporación oceánica ata a precipitación nos continentes. Este é o título dunha publicación realizada desde o grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), na que se presenta unha caracterización da rama atmosférica do ciclo hidrolóxico baseada na relación entre fontes e sumidoiros e o transporte de humidade.

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o libro está asinado polo persoal investigador Rogert Sorí, Marta Vázquez, Iago Algarra e Jorge Eiras. Nel analízanse os principais mecanismos e procesos relacionados co transporte de humidade e revísase a localización das principais fontes oceánicas e terrestres e as rexións influenciadas por elas. Ademais, faise fincapé nos extremos hidrometeorolóxicos (secas e inundacións) e as súas principais causas, ademais do efecto do cambio climático nesta rama do ciclo hidrolóxico. 

A monografía, indican as e os seus responsables, pretende realizar unha síntese dos principais factores involucrados no ciclo hidrolóxico e no transporte de humidade cara os continentes, resultando nun libro de consulta especialmente indicado para o alumnado de materias medio ambientais tanto de grao coma de mestrado, así coma para o alumnado de doutoramento ou persoas que queiran iniciarse na investigación da vertente atmosférica do ciclo hidrolóxico. Ao longo das súas páxinas abórdase a distribución global do vapor de auga; as fontes globais de precipitación; os principais mecanismos de transporte de humidade: os low level jets e ríos atmosféricos; outros mecanismos de transporte de humidade (sistemas monzónicos e circulacións ciclónicas); o transporte de humidade en escalas rexionais e as secas e a súa orixe.  

Entender o ciclo hidrolóxico e o transporte de humidade

O ciclo hidrolóxico, explican as e os autores no libro, consiste nunha sucesión de procesos polos que a auga pasa da atmosfera cara a terra, para retornar de novo á atmosfera. Dentro deste ciclo, a evaporación é un proceso determinante. Así, en cómputo global o ciclo hidrolóxico está caracterizado por una evaporación de 500.000 quilómetros cúbicos de auga por ano, producíndose a maior parte desta evaporación sobre os océanos, tal e como recolle a publicación. Dentro desta evaporación oceánica, un 10% chegará ás rexión continentais producíndose a precipitación. Dous terzos desta precipitación é re-evaporada e reciclada sobre os continentes, sendo un terzo a cantidade que retorna directamente aos océanos. “Para explicar a orixe e variabilidade da precipitación continental é preciso coñecer os complexos procesos internos que teñen lugar no ciclo hidrolóxico e, dentro deles, aqueles relacionados coa súa rama atmosférica e a relación entre fontes e sumidoiros de humidade”, sinalan as e os investigadores sobre a importancia da temática abordada no libro.

Neste contexto, a publicación recolle que “a determinación das fontes de humidade dunha rexión concreta non é trivial”. Así, detallan as e os seus autores, a orixe da precipitación continental pode ser local, a través do proceso de re-evaporación denominado recycling, ou pode provir de fontes remotas chegando ata a rexión por medio da advección. A pesar de que a fonte principal da precipitación continental sexa a evaporación oceánica, o recycling e a contribución continental pode ser especialmente relevante nalgunhas rexións, apuntan as e os investigadores. “Coñecer as fontes locais e remotas e a súa importancia relativa resulta especialmente relevante para comprender os procesos involucrados na precipitación continental e as súas posibles variacións”, indican.

Tal e como se recolle nesta nova publicación, “numerosos fenómenos e factores están involucrados na relación entre fontes e os seus principais sumidoiros continentais". Como exemplo, citan que os principais modos de variabilidade climática coma El Niño-Oscilación do Sur ou a Oscilación do Atlántico Norte teñen un importante efecto na modulación da precipitación global e rexional. Ademais, comentan as e os investigadores, “os usos do solo ou os usos da auga polo ser humano poden ter un efecto na evapotranspiración e, consecuentemente, no recycling”. A unha escala global os ríos atmosféricos e os jets en niveis baixos, tal e como se indica no libro publicado, “son os dous mecanismos principais de transporte de humidade”. Estes fenómenos de escala sinóptica, sinálase, son capaces de transportar grandes cantidades de humidade dende os trópicos cara latitudes máis altas. Ambos mecanismos teñen unha particular importancia nos extremos hidrometeorolóxicos podendo relacionarse a intensificación ou redución do transporte de humidade asociado a estes mecanismos con escenarios de inundación ou secas en determina das rexións. Os principais jets en niveis baixos, detallan as e os investigadores, atópanse tamén frecuentemente relacionados coa circulación monzónica e son responsables da maior parte de transporte remoto de humidade que afecta a esta circulación.

“As características do transporte de humidade vense afectadas polo actual cambio climático e este efecto esperase que sexa máis pronunciado no futuro. O vapor de auga ten un rol fundamental no quecemento atmosférico”, sinalan as e os autores da publicación. Os estudos, engaden, suxiren que o quecemento global resultará nun aumento da evaporación, afectando ao ciclo hidrolóxico. Porén, "a resposta ten un claro carácter rexional, sendo diferente segundo a latitude ou o continente e producindo un importante efecto na dispoñibilidade de auga doce", afirman as e os autores do libro.