DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinada polo profesorado da UVigo Deibe Fernández e Nazaret Blanco

Unha publicación analiza a transición á vida adulta de mocidade que está no sistema de protección

Aborda os desafíos socioeducativos, psicosociais, comunitarios e familiares do proceso de inclusión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 02/06/2025

Adolescencias vulnerables. Retos y oportunidades actuales para el acompañamiento socioeducativo en el sistema de protección. Este é o título dun libro coordinado desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense polo profesorado Deibe Fernández e Nazaret Blanco no que se profunda na transición á vida adulta de mozas e mozos do sistema de protección, analizando os desafíos que ten que afrontar tanto este sistema como os seus tutelados e tuteladas. A coordinación da publicación, da Editorial Aranzadi, contou coa colaboración de Carlos Rosón e Pilar Ramallal, en representación da organización Igaxes, entidade especializada no acompañamento de mocidade en situación de dificultade social.

O papel fundamental do apoio

O libro, indican desde a súa coordinación, componse dunha recompilación “dos traballos máis destacados das equipas de investigación de referencia na materia en España e Portugal”. Nun momento no que o sistema de protección á infancia está presente no debate social, explican Deibe Fernández e Nazaret Blanco, o publicación analiza os desafíos que ten o sistema de protección e atención á infancia e á adolescencia e recalca o papel fundamental do apoio no proceso de transición á vida adulta. As investigacións recollidas, engade o profesorado da UVigo, “son un punto de referencia dende o que as figuras profesionais terán a oportunidade de reflexionar sobre as estratexias que están a utilizar na súa intervención con adolescentes”. Neste senso, apuntan que a complexidade do acompañamento socioeducativo nos recursos de atención a adolescentes require que a intervención sexa asumida por profesionais con formación especializada. 

Ao longo das súas páxinas, a publicación aborda como o acompañamento socioeducativo “fomenta a inclusión social, resiliencia e autonomía en adolescentes vulnerables”, destacando o papel das TIC e a creatividade no seu desenvolvemento. As e os especialistas debullan nos artigos recollidos no libro os diferentes desafíos socioeducativos, psicosociais, comunitarios e familiares no proceso de inclusión social e analizan os procesos de autonomía e resiliencia. Tamén exploran a influencia das familias, programas de formación e a importancia da contorna comunitaria e afectiva. 

21 capítulos dun amplo colectivo de especialistas

Adolescencias Vulnerables. Retos y oportunidades actuales para el acompañamiento socioeducativo en el sistema de protección está composto por 21 capítulos asinados por un amplo colectivo de especialistas na materia. Neles tratan diferentes cuestións sobre a intervención con mocidade do sistema de protección á infancia principalmente empregando estratexias de acompañamento socioeducativo, encamiñadas a promover oportunidades para este colectivo. Na primeira parte, o libro recolle sete capítulos que abordan a transición á vida adulta, destacando cuestións como a saída forzosa do sistema de protección e dificultades específicas que enfrontan mozas e mozos neste proceso. A continuación, na segunda sección recóllense tres capítulos sobre as TICS e o acompañamento socioeducativo con esta mocidade, facendo fincapé tanto nas oportunidades como nas barreiras no seu acceso e uso que estas ofrecen. 

O terceiro apartado componse de catro capítulos que poñen o foco na importancia do papel das familias para o desenvolvemento integral e a transición á vida adulta de adolescentes e mocidade que se atopan no sistema de protección infantil. Para pechar este libro, inclúese unha última sección na que se recollen sete capítulos que abordan outras dimensións de interese para a acción protectora das adolescencias con medida de protección, desde cuestións como a diversidade sexual ata outras como a importancia da creatividade na intervención socioeducativa ou as potencialidades do patrimonio cultural e dos tempos de lecer.