DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna Nerea Mallo presenta esta tarde unha revista patrocinada pola Unidade de Igualdade

Unha publicación busca dar voz ás mulleres do mundo forestal galego

Reúne as opinións de profesionais de diferentes eidos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/11/2019

Como unha “revista de rescate histórico” presenta a estudante da Escola de Enxeñaría Forestal Nerea Mallo A muller no mundo forestal galego, unha publicación na que reuniu os testemuños de trece “mulleres forestais galegas”, co propósito de que “moitas historias non queden sen contar”. A publicación, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, reúne as opinións de enxeñeiras forestais e de montes, empresarias, bombeiras forestais, axentes medioambientais ou investigadoras. Boa parte das protagonistas desta publicación participarán, de feito, no coloquio de presentación da revista que terá lugar este venres ás oito da tarde na sede da Vicerreitoría do campus.

“Existe a necesidade de escribir o que non se conta ou o que non se percibe”, salienta Mallo, bolseira da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, que subliña así mesmo que “as mulleres forestais achegan grandes visións e grandes cambios a un mundo que parecía estar destinado máis aos homes, algo pouco real”. Nese senso, a publicación busca amosar, lonxe da “condescendencia”, que, no sector, “existen mulleres en postos directivos en empresas, en brigadas de incendios, nas comunidades de montes, que traballan en conservación...”, labores aos que busca dar visibilidade nesta publicación, sinala, “para darlle unha nova perspectiva ás novas xeracións e tamén ao resto da sociedade”.  

Catorce voces

Coñecer por que decidiron cursar estudos relacionados co eido forestal, cal foi o seu primeiro contacto laboral co sector, a súa opinión respecto do papel da muller neste ámbito ou as recomendacións que trasladarían ás novas enxeñeiras son algunhas das preguntas que Mallo realiza nesta revista a doce profesionais. Concretamente, achegan ás súas impresións nesta revista a xefa do Servizo de Montes de Pontevedra, Amalia Elsa Pazos; as empresarias Erika Martínez e Esther Merlo; a enxeñeira de montes Gloria Bustingorri; a directora da Área de Promoción e Calidade da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Isabel María Puentes; a bombeira forestal de brigada helitransportada Paula Poy; a consultora medioambiental Cristina Gende; a enxeñeira forestal Lucía Saborido; a axente medioambiental Goretti Tuche; a secretaria da Comunidade de Montes de Aguasantas, Laura Nieto; a investigadora na área de xenética forestal Josefina Fernández e a axente medioambiental Zeltia Burgos. “Buscaba diferentes perfís, mulleres que estivesen traballando en distintos ámbitos”, explica Mallo, que reuniu tanto a enxeñeiras forestais e de montes como a capataces forestais, profesionais ás que tamén preguntou sobre a evolución do sector forestal en Galicia, sobre o equilibrio entre a produción e a conservación da natureza, ou sobre que medidas sería preciso acometer para promover un manexo sustentable dos montes galegos.

Xunto ás impresións destas doce profesionais, a publicación que Mallo realizou coa colaboración de Marina Lorenzo, no deseño, e de Aurora Redondo, na corrección lingüística, complétase con dúas voces máis. Por unha banda, a de María Nieves Franco, unha veciña de Ponte Caldelas que comezou a traballar no monte con 14 anos. “Traballou nas repoboacións dos anos 70 e parecíame importante a súa visión”, sinala Mallo que incorporou tamén á revista un extracto do libro Árbores que non arden, da historiadora Lara Barros, co propósito de afondar tamén no protagonismo das mulleres nas comunidades de montes veciñais. “A historia das mulleres no monte é unha historia cargada de loita e tamén de representación. Aínda que non aparecen nos libros sempre estiveron aí”, salienta no texto introdutorio a coordinadora desta publicación, que este xoves defendía na EE Forestal ou seu traballo de fin de grao.

Xunto con estes testemuños, a publicación complétase cun achegamento á evolución da porcentaxe de mulleres que cursan carreiras STEM. A publicación presenta tamén unha serie de datos, recollidos pola Sociedad Española de Ciencias Forestales (SCEF), sobre a participación de mulleres na organización de catro edicións do Congreso Forestal Español, como integrantes dos comités organizadores e científico e moderadoras das sesións, situándose a súa participación por debaixo do 30% na maioría dos casos.