DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un libro electrónico recolle os resultados dos proxectos financiados pola convocatoria Inou 2019

Unha publicación e cinco exemplos de investigación aplicada na provincia de Ourense

Abranguen desde o turismo sostible ata o fracaso escolar en matemáticas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 14/06/2021

O turismo sostible nos espazos naturais protexidos da provincia de Ourense; a potenciación do interese turístico do Complexo Arqueolóxico e Termal de Aquis Querquennis; o fracaso escolar en matemáticas; a calidade do sector hoteleiro ourensán e a circularidade das actividades económicas da provincia. Estas son as temáticas dos cinco proxectos multidisciplinares beneficiarios da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus Inou 2019, financiada pola Deputación de Ourense, e recollidos na publicación electrónica Proxectos INOU 2019. Investigación aplicada na provincia de Ourense.

O libro está coordinado por Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, quen destaca del que “é o resultado da implicación e do bo facer de todas as persoas que con traballo e ilusión” participaron e apoiaron esta iniciativa. “Unha das nosas obrigas como universidade é a de pór en valor os recursos da nosa contorna. Aspiramos a aliñar as actividades do noso campus coas necesidades da nosa bisbarra e nese camiño confluímos a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense”, explica a responsable sobre a convocatoria Inou. Na edición das axudas que recolle a publicación, engade, “quixemos dar un paso máis e propuxémonos impulsar a interacción entre os grupos de investigación do campus de Ourense”, financiando proxectos coordinados nos que participa persoal investigador de diferentes ámbitos de coñecemento.

Valorización turística

A publicación arranca cun traballo liderado por María Begoña Cid e Ana Isabel Gueimonde centrado na elaboración dun indicador composto de valoración do desempeño turístico sostible dos espazos naturais protexidos da provincia de Ourense. “Neste traballo obtense un indicador composto de valoración global do desempeño turístico sostible, xunto con catro indicadores compostos para a valoración parcial das diferentes dimensións dese desempeño: benestar económico da poboación, benestar social da comunidade, creación de sentido de comunidade e preservación da natureza. Estes indicadores empréganse no proxecto para avaliar o desempeño turístico sostible dos tres parques naturais e as dúas reservas da biosfera de Ourense”, indícase no libro.

O proxecto máis amplo recollido na publicación, por implicar a investigadores das facultades de Ciencias, Historia e Ciencias Empresariais e Turismo, é o liderado por Orlando García, investigador do Grupo Ephyslab, sobre potenciación do interese turístico do Complexo Arqueolóxico e Termal de Aquis Querquennis, de Baños de Bande, Ourense. Nel, Orlando García lidera un subproxecto de análise de inundacións neste xacemento; Fermín Pérez Losada outro sobre documentación, delimitación, estado de conservación e valoración científica e patrimonial do xacemento e Diego Rodríguez outro sobre impacto socio-económico do campamento romano. No estudo, entre outras cuestións, analízanse as inundacións que veñen afectando ao complexo arqueolóxico desde a construción do encoro das Conchas, levando a cabo un traballo de recadación de datos hidrolóxicos e topográficos existentes; facendo un levantamento fotogramétrico da zona con fotografías aéreas tomadas cun UAV e obtendo un modelo dixital do terreo de alta precisión para a análise das inundacións. Igualmente delimitouse a extensión e a entidade do xacemento (áreas escavadas e sen escavar), documentáronse todas as intervencións realizadas (antigas e recentes), recompilouse toda a información arqueohistórica obtida delas e diagnosticáronse os problemas de conservación e exhibición do xacemento, especialmente os derivados da afección das augas do encoro.

Outro dos proxectos incluído no libro está liderado por Rosalía Laza e Tomás Raimundo Cotos e céntrase no desenvolvemento de ferramentas para apoiar a calidade e mellora continua no sector hoteleiro ourensán. O obxectivo principal deste proxecto coordinado foi “extraer de forma automática datos de comentarios sobre hoteis da provincia de Ourense das plataformas Booking.com e Tripadvisor.es para analizar posteriormente aplicando técnicas estatísticas e/ou de minaría de datos”, sinalan os seus responsables.

Educación e economía

Tamén se inclúe na publicación un proxecto liderado por Valentín Iglesias e por Francisco José Ribadas de prevención e intervención no fracaso escolar en matemáticas das e dos estudantes ourensáns. “Este estudo analizou a contribución das habilidades cognitivas e de dominio específico ao rendemento aritmético alcanzado nos tres últimos graos da escola elemental na procura de perfís para os grupos formados”, sinálase no libro. Participaron 165 escolares organizados en tres grupos: con dificultades de aprendizaxe, con alto rendemento e con rendemento típico e entre os resultados acadados indican que o grupo con dificultades de aprendizaxe mostrou un rendemento deficitario en codificación, procesamento numérico e comprensión conceptual respecto ao grupo con rendemento típico e os nenos e nenas con alto rendemento obtiveron resultados significativamente máis altos que o grupo con rendemento típico en procesamento simultáneo, contas, procesamento numérico e comprensión conceptual. Para o desenvolvemento do proxecto realizouse a implementación tecnolóxica dunha ferramenta de avaliación cognitiva e matemática do alumnado.

Por último, mesturando persoal investigador das facultades de Ciencias e Ciencias Empresariais e Turismo, outro dos proxectos, liderado por Elena Rivo e Gonzalo Astray, centrouse en optimizar os indicadores de circularidade económica empregados habitualmente por organismos públicos ou consultoras mediante a inclusión de factores correctores que non penalicen o sector agroalimentario da provincia de Ourense. O traballo céntrase no indicador de circularidade material desenvolvido pola Fundación Ellen MacArthu e que avalía o rendemento da circularidade a nivel de produto e adecúano para poder ser utilizado en empresas agroalimentarias da provincia e evitar así a penalización das actividades vinculadas a este sector, usando para iso datos de tres casos concretos (vitivinícola, cárnico e lácteo).