Coordinada polos membros do GEAAT Martiño X. Vázquez e Adolfo Fernández
Unha publicación compila a investigación arqueohistórica levada a cabo na comarca de Monterrei durante a última década
O libro rende homenaxe ao profesor Antonio Rodríguez Colmenero
Arqueoloxía, Prehistoria e Historia nas terras de Monterrei, Ourense. Avance de resultados dos traballos de investigación, 2013-2022. Este é o título dunha obra colectiva, coordinada desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo por Martiño X. Vázquez e Adolfo Fernández, na que se compila boa parte da investigación arqueohistórica levada a cabo na comarca ourensá de Monterrei durante a última década.
Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo e publicado con financiamento da Xunta de Galicia, o libro nace ao abeiro das Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia nas Terras de Monterrei, celebradas en setembro de 2021. Na obra réndese homenaxe ao profesor Antonio Rodríguez Colmenero, “como responsable da catalogación e estudo de centos de xacementos e restos arqueolóxicos, con especial atención nestas terras tameganas” e ao que “toda unha xeración de historiadores, epigrafistas e arqueólogos medramos citando nos nosos traballos universitarios e de investigación”.
O traballo feito por Rodríguez Colmenero e outros investigadores durante boa parte do século XX, comentan os coordinadores da publicación, foi o xerme que fixo que a comarca de Monterrei sexa nos últimos anos un dos focos principais das actividades arqueolóxicas na provincia de Ourense. “O interese dos concellos de Monterrei polo seu patrimonio arqueolóxico é facilmente medible se botamos unha simple ollada ás cifras de proxectos arqueolóxicos desenvolvidos nos últimos anos dando así continuidade os traballos dos pioneiros no século XX”, sinalan.
Da Prehistoria ao medievo
A publicación arranca cun limiar de José Luís Suárez, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Monterrei, e unha presentación a cargo de Martiño X. Vázquez e Adolfo Fernández. Veñen de seguido seis capítulos con “datos novidosos e inéditos que van dende a Prehistoria recente ata a Baixa Idade Media”. O primeiro deles é unha análise comparativa dos castros de Cualedro: A Cidáde Saceda e A Cidáde San Millao, a cargo do propio Martiño Xosé Vázquez. Séguelle outro artigo sobre hipóteses e interpretación do recinto amurallado baleiro do Muro de Búbal (Monterrei-Oimbra), a cargo de Patricia Valle, Adolfo Fernández, Alba Antía Rodríguez, Nerea Ruanova e Iria Veloso. A terra de Baroncelli, o conde Odoario e a “repoboación” do alto Val do Támega na alta Idade Media (do século IX ao XI) centran pola súa banda un texto de Nieves Amado Rolán. A publicación remata cun texto sobre a necrópole medieval de San Salvador das Rozas (en Medeiros) realizado por Patricia Valle e Fermín Pérez.
Ao longo desta obra colectiva, comentan os seus responsables, o público lector “darase conta rapidamente de que a investigación histórica e arqueolóxica é a única maneira de rachar co silencio do pasado”. Os xacementos arqueolóxicos que aparecen neste traballo, como A Saceda, San Millao, Muro de Búbal, Medeiros, Lobarzán, Mixós, Verín e moitos outros, detallan, “cobran agora vida funcionando como transmisores do pasado da comarca grazas á investigacións que os rescatan do seu ostracismo histórico”. Así, subliñan, “o discurso xerado a partir de investigacións rigorosas do pasado enriquece á sociedade obxecto de estudo” e “a semente que outros plantaron segue aínda hoxe xerminado en Monterrei”.
A pesar da amplitude da publicación, desde a súa organización apuntan que foi imposible compilar todo o labor arqueolóxico de dez anos nun só libro polo que sinalan que outros traballos sobre a arqueohistoria da comarca de Monterrei poderán ser recollidos en futuras obras que completen a que agora publicada.