DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada por investigadores da Área de Edafoloxía e Química Agrícola

Unha publicación describe os altos niveis de cobre nos solos dos viñedos do noroeste peninsular

A presenza deste metal non supón danos á planta, á vide ou á calidade do viño

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 12/07/2018

As zonas vitivinícolas do noroeste da Península Ibérica caracterízanse pola súa alta pluviosidade e elevada humidade ambiental durante o ciclo da vide, o que levou a un uso histórico de elevadas cantidades de funxicidas de base de cobre para protexer as colleitas. Unha publicación de investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense ofrece agora unha descrición pormenorizada da presenza de cobre nos solos dedicados ao cultivo da vide neste territorio, subliñando como a pesar dos altos índices atopados estes non supoñen problemas para o desenvolvemento das vides ou para a calidade dos viños. 

Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o libro, titulado O cobre en solos de viñedo do noroeste da Península Ibérica, está asinado por David Fernández Calviño, Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias, profesores e catedrático respectivamente da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo. “O cobre aplicado ás vides acaba maioritariamente nos solos que as sustentan, e, unha vez alí, pode acumularse asociándose a distintos compoñentes do solo, transferirse ás augas circundantes, transportarse asociado a sedimentos xerados durante eventos erosivos e/ou afectar aos microorganismos do solo”, comentan os autores da obra. No libro, detallan, “amósanse os niveis de cobre que existen nos viñedos da rexión, a forma en que se acumula no solo asociado a distintos compoñentes edáficos, a súa potencial mobilización desde o solo a outros elementos dos ecosistemas (augas, sedimentos) e os seus posibles efectos sobre os microorganismos que habitan o solo”. 

Niveis e mobilidade

O estudo que sustenta esta publicación levouse a cabo en zonas de produción de uva para vinificación das denominacións de orixe do Bierzo, Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras; das indicacións xeográficas protexidas de Barbanza e Iria e de Betanzos e da Região Demarcada dos Vinhos Verdes do norte de Portugal. Sobre os resultados, os investigadores da Facultade de Ciencias sinalan como os solos de viñedo analizados presentan concentracións de cobre “moito maiores que as atopadas en solos naturais na mesma rexión”, variando as concentracións medias de cobre nos primeiros 20 centímetros do solo entre 79 e 260 miligramos de cobre por cada quilogramo de solo (mg kg-1) en función da zona de produción estudada e superando na maioría dos casos a concentración de 100 mg kg-1. En xeral, a maior parte do cobre acumulado nos solos da rexión, apúntase no libro, atópase asociado á materia orgánica (48% de media). 

Respecto a estes valores, os autores do libro recalcan como aínda que os datos recollidos amosan, con variacións entre as diferentes denominacións, “niveis altos de cobre en total, estes non son preocupantes pois non supoñen en principio un problema para o desenvolvemento da planta nin da vide nin para a calidade do viño”. “Que haxa máis cobre do habitual no solo non significa que afecte á calidade do viño”, subliñan os investigadores, que lembran como o cobre é un elemento esencial para que as plantas realicen as súas funcións vitais. 

O traballo tamén incluíu un estudo da distribución espacial dos niveis de cobre acumulado nalgúns viñedos, identificando como a súa acumulación tende a ser maior nas liñas de cepas que no solo que se sitúa entre liñas de cepas e que, ademais, o cobre acumúlase preferentemente nas capas máis superficiais do solo, diminuíndo a súa concentración coa profundidade. “Esta acumulación superficial débese á baixa mobilidade que presenta o cobre nos solos de viñedo pola súa elevada afinidade pola materia orgánica”, sinalan os investigadores. Unha consecuencia desta acumulación preferente nas capas máis superficiais, detallan, é que facilita a súa mobilización a través de procesos erosivos vinculados ás choivas ou ao vento. “De feito, observouse que mostras de sedimentos recollidos tras eventos chuviosos en parcelas de viñedo amosan un notable enriquecemento en cobre ao compararse cos solos de onde proceden”, sinálase no libro. 

Recomendacións para minimizar danos

A potencial mobilización de cobre en solos e sedimentos de parcelas de viñedo tamén se estudou en función da variación do ph e da forza iónica, parámetros fisico-químicos que adoitan modificarse durante a aplicación de diferentes técnicas de manexo do solo de viñedo, “resultando que o cobre era máis facilmente mobilizado en condicións de ph acedo ou alcalino, estando neste último caso relacionado coa liberación de materia orgánica”, segundo explican os investigadores da Área de Edafoloxía e Química Agrícola. Tamén se observou no estudo, engaden, como os cambios no uso do solo teñen efectos importantes en canto á mobilidade/toxicidade potencial do cobre acumulado. “Unha vez se abandona un viñedo, o cobre acumulado pasa progresivamente a formar parte de fraccións menos biodispoñibles e por tanto redúcese a súa toxicidade potencial”. Estudos levados a cabo a nivel de conca hidrográfica, engaden os docentes da Facultade de Ciencias, amosan como a transferencia do cobre acumulado en solos de viñedo prodúcese fundamentalmente a través da mobilización de sedimentos mentres que a súa presenza en augas é moito menor e está asociada a intensos eventos chuviosos. 

Sobre como esta acumulación de cobre pode producir efectos negativos sobre os microorganismos do solo, os autores da publicación sinalan nela que os efectos son moi diferentes en distintos tipos de solos, sendo moi complexo o establecemento de límites ás concentracións de cobre nos solos de viñedo. “Desde un punto de vista funcional, recoméndase que os solos de viñedo do noroeste da Península Ibérica posúan un contido mínimo de carbono orgánico do 2% e un ph superior a 5.5 para minimizar os danos do exceso de cobre sobre os microorganismos do solo”, aconsellan na publicación.

Cara unha viticultura máis sustentable

Coa realización deste estudo, indican os investigadores, agardan contribuír ao camiño cara unha viticultura máis sustentable, salientando como é necesario avanzar neste campo de investigación para comprender mellor a distribución do cobre entre os distintos compoñentes do sistema solo-planta-auga. Neste senso, lembran como desde a Área de Edafoloxía e Química Agrícola teñen como unha das súas principais liñas de investigación a fertilidade dos solos de viñedo, liña no marco do cal levan desenvolvido numerosos proxectos de investigación con financiamento galego e estatal e realizado numerosas publicacións como a editada agora polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.