DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo dx5 aborda nun libro os resultados do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira

Unha publicación fai balance de como a arte múltiple ‘ocupou’ Pontevedra

Preséntase o vindeiro luns 26 na Casa da Luz

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/01/2026

Tres exposicións simultáneas, un ciclo de conferencias e un conxunto de intervencións no espazo público combináronse, en maio e xuño de 2024, no VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira, organizado polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes e centrado na idea de arte múltiple. Promovido coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, a reflexión de como a arte gráfica avanzou cara a “busca dunha experiencia artística máis profunda e inmersiva”, sinalan, condénsase agora no libro El múltiple que ocupa el espacio, que combina un rexistro das exposicións e intervencións desenvolvidas no marco deste proxecto cunha serie de artigos de diferentes investigadores e artistas.

Publicado pola editorial Sendemá, este volume presentarase o vindeiro luns 26 ás 19.00 horas na Casa da Luz, nun acto que contará coas intervencións de Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura; Ana Soler, directora do grupo dx5; Anne Heyvaert, subdirectora do proxecto, e as responsables de Vaciocero, encargadas da coordinación das exposicións e da programación didáctica. A publicación, que conta tamén cunha versión dixital de acceso aberto, constitúe “un rexistro”, como sinala Soler, das diferentes iniciativas englobadas neste proxecto. Mais, lonxe de ser un catálogo das tres exposicións, trátase dun “libro sobre a arte múltiple”, que á vez que funciona “como un arquivo” das intervencións de carácter efémero levadas a cabo na cidade, reúne tamén un conxunto de artigos centrados neste concepto, que “constitúe o núcleo central desenvolvida durante dúas décadas polo grupo de investigación”, lembra Soler.

O volume busca afondar en como “na contemporaneidade, as fronteiras conceptuais e prácticas da arte” difumináronse, o que fai que a arte gráfica, caracterizada pola existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras, sexa hoxe “híbrida e complexa, chegando a ocupar o espazo a través de propostas instalativas”. Isto leva ao grupo dx5 a falar dunha “gráfica de campo expandido” que “caracterízase pola existencia dalgo que é moito máis que unha matriz que xera múltiples”. Nese senso, o obxectivo desta publicación é reparar no que sucede “cando esa matriz xa non xera pegadas, senón elementos mutantes que invaden o espazo e o propio tecido do tempo a partir de procesos complexos”, subliña Soler, coordinadora editorial deste libro xunto co director de Sendemá, Francisco Berenguer. 

Exposicións, artigos e intervencións efémeras

Tras o texto de presentación da profesora Susana Cendán, o libro ábrese cun capítulo centrado nas “derivas e transicións da gráfica contemporánea cara a complexidade”, realizado por Soler e a artista e profesora da Universidad de Salamanca Vanessa Gallardo, que asina tamén o texto centrado na exposición Simbiose. Esta mostra reuniu no Pazo da Cultura as creacións de 25 artistas, presentadas neste libro en catro bloques que levan a afondar no paso do único ao dual, do dual ao múltiple e do múltiple ao complexo, así como nas “conexións mutantes”, bloque que agrupa outra serie de propostas ligadas á repetición e transformación. 

No apartado Sinerxías, o libro reúne os artigos de seis investigadores e investigadoras de diferentes universidades españolas, que participaron en 2024 no foro académico deste proxecto. “Debateron sobre temas que abranguen desde o consumo do múltiple hoxe, ata a produción da obra de arte múltiple desde a súa parte máis tecnolóxica, a intelixencia artificial ou os datos como fonte de creación”, sinala Soler respecto das temáticas que serviron como punto de partida dos artigos reunidos neste volume.  

Da man de diferentes investigadores e investigadoras do grupo, os seguintes apartados do libro detéñense nas outras dúas exposicións impulsadas ao abeiro deste proxecto, Resonancias e Xerminal. A primeira tivo como sede a Fundación RAC e presentaba unha selección de obras pertencentes aos fondos desta entidade, mentres que a segunda reuniu na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes as creacións seleccionadas nunha convocatoria dirixida a artistas novos. Do mesmo xeito, o libro serve tamén como rexistro das intervencións artísticas levadas a cabo na cidade, agrupadas no capítulo Interferencias, e que abrangueron, como explica Soler, tanto intervencións en vallas publicitarias ou sinais de tráfico como actuacións “no espazo dixital, como nas redes sociais do Concello”. Por último, o libro complétase cun apartado destinado a facer balance doutros proxectos previos do grupo dx5.