DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra foi presentada este venres no campus

Unha publicación recolle experiencias de aprendizaxe cooperativa realizadas na Facultade de Educación e Traballo Social

Nela amósase a evolución do profesorado cara metodoloxías alternativas, activas e participativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 17/04/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres a presentación do libro Aprendizaxe cooperativa na Universidade e en diferentes contextos. Voces dende a experiencia, editado polo Servizo de Publicacións da UVigo e elaborado polo profesorado deste centro Almudena Alonso, Isabel Mociño, Breogán Rioboó e María Ainoa Zabalza.

Segundo explican as e os seus autores, “unha boa parte do profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, na Universidade de Vigo, leva un tempo transitando cara a metodoloxías alternativas, máis activas e participativas, na súa docencia universitaria”. Este camiño, apuntan, comezou co deseño e posta en práctica dun proxecto piloto de innovación docente que buscou primeiro formar o profesorado para despois poñer en práctica, nas respectivas aulas universitarias, a aprendizaxe cooperativa como fío vertebrador de todas as titulacións de grao presentes nesta facultade (Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social).

“Tras afrontar este desafío, unha parte do profesorado que iniciou aquel camiño, xunto con outro de nova incorporación no centro e/ou no emprego da metodoloxía da aprendizaxe cooperativa, comparte as súas experiencias en materias de grao de distintas áreas de coñecemento”, recolle a publicación. 

Historia, contexto e experiencias

O volume presenta, por unha parte, unha achega histórica á contextualización da aprendizaxe cooperativa e, pola outra, as aportacións tanto de profesorado doutras universidades e niveis educativos, que contribuíron coas súas experiencias a enriquecer o proceso formativo do profesorado da  facultade ourensá, como as propias experiencias do profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social, que achega o proceso de aplicación da aprendizaxe cooperativa nas diferentes materias e graos universitarios nos que imparte docencia. 

“Con esta obra buscamos contribuír ao impulso das metodoloxías activas e, particularmente, da aprendizaxe cooperativa no ámbito da educación superior. Agardamos que estas experiencias sirvan de inspiración para outros profesionais e institucións académicas que queiran explorar vías de innovación docente que melloren o proceso de ensino-aprendizaxe”, subliñan as e os autores da publicación.