Realizados ao abeiro da convocatoria de axudas Inou
Unha publicación recolle os resultados de doce proxectos de investigación aplicada e multidisciplinar na provincia de Ourense
Abranguen desde temas tecnolóxicos e termais ata educativos e xeoarqueolóxicos
A publicación electrónica Proxectos Inou 2025. Investigación aplicada na provincia de Ourense recolle os resultados de doce proxectos de investigación multidisciplinares realizados por un amplo colectivo investigador da UVigo. Neles abórdase desde a creación dunha plataforma IoT (Internet das cousas) e espacial para a prevención de incendios e a agricultura de precisión ata a proposta de creación dun club termal integrado.
O libro recolle os resultados dos proxectos de investigación financiados pola convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2025, que cada ano convoca a vicerreitoría do campus de Ourense co apoio da Deputación de Ourense. Esta convocatoria está destinada a financiar proxectos, realizados por grupos de investigación da UVigo, de interese para o desenvolvemento social e económico da provincia e para o coñecemento da súa realidade. Neles ten un papel destacado o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Nos proxectos participou un amplo panel de investigadoras e investigadores das diferentes facultades e escolas do campus de Ourense, estando como investigadoras e investigadores principais Guillermo David Rey, Miguel Ángel Álvarez, Ángel Domínguez, Manuel Isorna, Marcos Loureiro, Iria Vázquez, Hui Cao, Marisela Des Villanueva, María Shantal Rodríguez, María Novo, Iván Rodríguez e María Montserrat Cruz. O libro, indican desde a súa organización, “reúne os resultados de doce estudos, que son unha boa mostra da riqueza e da diversidade da investigación que se realiza no campus de Ourense, e que proceden de diversos ámbitos de coñecemento unidos por un elemento común: a vontade de poñer ese coñecemento ao servizo da sociedade”.
Do tecnolóxico ao social
Algúns dos traballos realizados céntranse na innovación e nas novas tecnoloxías. Un deles presenta unha plataforma IoT e espacial para a prevención de incendios e a agricultura de precisión e outro a aplicación da aprendizaxe automática mediante modelos zero-shot á predición dos niveis ambientais de pole. Tamén hai estudos sobre a aplicación de modelos de intelixencia artificial ao estudo da calidade do pole apícolas e sobre o deseño de infraestrutura software para a reconstrución e exploración interactiva de imaxes de lámina completa a partir de capturas microscópicas manuais con artefactos estruturais.
Son varios os proxectos que abordan desde diferentes puntos de vista o termalismo. Así preséntase un plan de potencialidade, recuperación, posta en valor e protección do afloramento termal da Fonte do Baño, no val do Salas (Baltar, Ourense); unha investigación sobre a accesibilidade cognitiva nas contornas termais Ourense e unha proposta de creación dun club integrado de termas e balnearios na provincia de Ourense con financiamento parcial de tratamentos terapéuticos termais.
Outras investigacións recollidas na publicación céntranse na bioactividade de compostos polifenólicos en restos de uva dos subprodutos do viño na rexión galega; na xeoarqueoloxía nos penedos da Raíña Loba e na recuperación e dixitalización e posta a disposición pública dos rexistros meteorolóxicos históricos da provincia. Os estudos reunidos nesta edición abordan igualmente outras temáticas do eido social e educativo, como un estudo da poboación centenaria ourensá no que se fai unha proposta de zona de extrema lonxevidade no sur de Galicia e outro estudo de análise do espazo como recurso educativo e a súa importancia para facilitar a aplicación de metodoloxías activas.
