Realizados ao abeiro da convocatoria de axudas Inou
Unha publicación recolle os resultados de oito proxectos de investigación aplicada relacionados coa provincia de Ourense
Os estudos destacan polo seu carácter interdisciplinar
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e alimentarios acreditado pola Xunta de Galicia, conta cunha nova publicación. Trátase de Proxectos Inou 2023. Investigación aplicada na provincia de Ourense. Nela, recóllense os resultados de oito proxectos de investigación multidisciplinares que abranguen desde a aprendizaxe automática aplicada ao crecemento económico e a contaminación ata a concienciación ambiental en Secundaria.
O libro, de carácter electrónico, está coordinado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense-Campus Auga e financiados a través das Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense (Inou). Nel participa unha ducia de investigadoras e investigadores das diferentes facultades e escolas que hai neste campus. Neste senso, desde a organización da iniciativa subliñan o seu agradecemento pola colaboración da Deputación Provincial de Ourense así como o esforzo realizado por todo o persoal investigador participante na convocatoria Inou.
No prólogo da publicación, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, explica que “nun exemplo de colaboración interinstitucional, que persegue a suma de esforzos para multiplicar resultados na procura dunha mellor calidade de vida das e dos habitantes da nosa contorna, a Deputación Provincial de Ourense e o Campus Auga da Universidade de Vigo traballan no fornecemento da investigación do campus a través dos convenios de colaboración asinados anualmente dende o ano 2003”. Estes convenios, entre outras cousas, contribúen ao financiamento da convocatoria Inou, cuxos resultados da convocatoria 2023 recolle o libro publicado agora.
Da tecnoloxía ao medio ambiente
Na citada convocatoria resultaron elixidos oito proxectos de investigación, potenciando a coordinación entre diferentes ámbitos, “que abranguen importantes eixes do desenvolvemento da nosa provincia como a sostibilidade do medio ambiente, a posta en valor do noso patrimonio ou a mellora do benestar e da saúde dende un punto de vista tecnolóxico”. Concretamente, no eido do medio ambiente a publicación recolle estudos nos que se avaliaron as implicacións do crecemento económico nos procesos de contaminación a través dunha aproximación dende a aprendizaxe automática; nos que se propuxeron diversas estratexias para a xestión sostible de refugallos vitivinícolas na provincia de Ourense e nos que se estableceron medidas de concienciación ambiental en Educación Secundaria Obrigatoria tendo en conta as variacións do clima.
Nas investigacións realizadas e agora recollidas en formato libro tamén se puxo en valor o patrimonio mediante o estudo da importancia que tivo a presenza dos primeiros poboadores da provincia de Ourense no xacemento paleolítico da Piteira (Toén, Ourense). Xa no campo da saúde, a publicación recolle un estudo no que se deseñou un sistema de automatización da diagnose a partir de signos radiolóxicos e que combina técnicas de intelixencia artificial e modelos de aprendizaxe automática. Tamén hai traballos de avaliación da importancia de novos cultivos para a provincia, como o da mostaza, e a extracción dela de novos compostos bioactivos con alta repercusión na saúde. Finalmente, ao abeiro da convocatoria Inou, tal e como pode verse en detalle na publicación lanzada, deseñáronse novas ferramentas tecnolóxicas para mellorar a atención á diversidade nas aulas a través da caracterización do uso do espazo escolar mediante posicionamento en tempo real do alumnado a través do dispositivo de localización UWB.