DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu autor é o alumno do Programa Universitario de Maiores Miguel Ángel Martínez

Unha publicación reivindica para a historia a figura de A Bela Otero

Nela recóllese dez anos de investigación e documentación arredor da súa vida

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI 24/02/2022

“Este libro sobre A Bela Otero, é froito de moitos anos de traballo e procura incesante de documentación sobre unha muller galega que, como moitas, rebeláronse contra o seu destino e amosaron ser quen nun mundo onde o feito de ser home anulaba por completo a muller. Ela, por si mesma conseguiu chegar a ser unha das mulleres máis importantes do mundo na Belle Époque”. Así presenta Miguel Ángel Martínez Coello á Bela Otero nun libro no que este alumno do Programa Universitario de Maiores reivindica a súa figura para a historia.

O libro, titulado A Bela Otero e editado pola Fundación Martínez Coello, foi presentado este xoves na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, quixo recoñecer ao seu autor o seu traballo "día a día" no campus de Ourense como membro do Programa Universitario de Maiores. Miguel Ángel Coello, xunto á súa muller Antonia, indicou Esther de Blas, “son un claro exemplo de que a idade non é un atranco senón unha oportunidade para facer múltiples actividades”. Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, lembrou que A Bela Otero é unha figura histórica "esquecida, que quedou nese limbo dos personaxes difíciles de explicar” e que “non tivo o tratamento rigoroso e científico que merecía”. Por este motivo, destacou o valor da obra presentada este xoves e felicitou ao seu autor “pola valentía de abordar un personaxe desta complexidade”.

Na súa intervención Celso Pumar, presidente de Aulas de Formación Aberta do Campus de Ourense, gabou a traxectoria persoal e a “calidade humana” de Miguel Ángel Martínez, artista, escritor e profesor da Escola de Artes e Oficios de Ourense e Verín, e felicitouno pola “magnífica obra” publicada. Parabéns tamén compartidos por José Ramón Campos, profesor do PUM, que foi o encargado no acto de falar sobre a época na que viviu A Bela Otero, centrándose no fenómeno migratorio galego. A protagonista do libro presentado, indicou o historiador, “foi unha muller que experimentou na súa carne propia o proceso migratorio que se viviu nesta terra”, apuntando como a emigración foi para as mulleres, “mulleres novas nun mundo de homes”, unha aventura non exenta de perigos, o primeiro deles “o entramado que as rodeaba”.

56 capítulos

A publicación, explicou Martínez Coello, está formada por 56 capítulos, 360 páxinas e 800 ilustracións (56 delas orixinais feitos por el mesmo) que compoñen “a documentación máis completa en todos os sentidos que existe sobre A Bela Otero”. Nela abránguese todo o desenvolvemento da vida de Agustina Otero pero tamén do contexto histórico no que se foi producindo. A obra é froito, tal e como sinalou o seu autor, de “máis de dez anos na procura de información por todo o mundo, na que se conseguiu documentos de Australia, Francia, Estados Unidos... e na que atopamos moitísimas cousas boas do que ela simbolizou como galega para o mundo”.

Tal e como comenta o seu autor, con esta obra, “preténdese facer saber e poñer en valor a Agustina Otero Iglesias, a quen co tempo se coñecería como A Bela Otero, a muller máis impresionante do mundo na primeira década do século XX, xa que cada vez que movía ficha, era noticia en toda a prensa mundial”. A pesar desta relevancia, destacou Miguel Ángel Martínez, da análise da documentación e publicacións existentes sobre a súa figura “chegouse á conclusión de que ningunha delas a valorou nin lle fixo xustiza”. A Bela Otero, subliñou o escritor, “era unha muller emprendedora, coa súa propia personalidade, moi feita á súa maneira, á que non lle importou enfrontarse con nada”. A Agustina Otero, engadiu, “ninguén lle regalou nada, máis ben ao revés. Tras a brutal violación que sufriu aos 11 anos, tan só por ser bonita que era o único ben que posuía e xa privada da posibilidade de procrear, subo sobrepoñerse e buscar novos horizontes, á procura dunha razón para vivir e sobre todo chegar a ser o mellor que puidese chegar a ser, como así foi”. A pesar das adversidades enfrontadas desde moi nova, comentou Miguel Ángel Martínez, chegaría a ser “unha das bailarinas máis belas e famosas do mundo, incitaría desafíos, suicidios, divorcios, procesos, apostas, polémicas xornalísticas e bancarrotas económicas que fixeron correr moita tinta na prensa mundial da época”.

No libro A Bela Otero sinálase tamén como “falouse moito do valor extraordinario das súas xoias, dos seus vestidos, dos seus coches, do seu diñeiro, hoteis etc. ata considerala unha das mulleres máis ricas de Europa a comezos do século XX”. A Bela Otero, destacou Miguel Ángel Martínez, “botouse ao mundo ela soa, rexeitou toda compañía masculina e feminina e utilizou ás persoas no seu proveito porque ela quería ser ela e conseguiuno ata o final. Pero nunca rexeitou ser galega e española, aínda que non o proclamaba”.