DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A obra céntrase na intervención psicosocioeducativa nas distintas etapas do ciclo vital

Unha publicación rende homenaxe ao profesor Antonio López Castedo

Nela participa unha trintena de especialistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 11/03/2022

O Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo presentou este venres nun emotivo acto de lembranza o libro de homenaxe ao profesor Antonio López Castedo Intervención psicosocioeducativa en las distintas etapas del ciclo vital. Nel, unha trintena de especialistas renden tributo á traxectoria persoal e profesional do catedrático e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense falecido no ano 2020.

Lembranzas desde o persoal e o profesional

Nas súas palabras, José María Faílde, director do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, destacou de Antonio López Castedo “a súa grande implicación e compromiso ao longo dos seus 38 anos de vida profesional”, pondo en valor a súa faciana tanto docente, como investigadora como de xestión, ademais da súa faciana humana. Da publicación presentada, José María Faílde indicou que “neste libro participamos compañeiros, compañeiras, exalumnos e exalumnas e docentes que tivemos o pracer de colaborar co profesor Antonio López Castedo, co que desexamos honrar a súa memoria”. Sumándose a este sentir, Yolanda Rodríguez, secretaria do mesmo departamento, salientou do homenaxeado que “sempre perdurarán as súas ensinanzas, valores, amor á docencia e ética”. Ela foi a encargada de entregar á familia de Antonio López presente no acto un agasallo de lembranza, agasallo que as súas fillas recolleron agradecendo a homenaxe feita ao seu pai.  

Antonio Sánchez Cabaco, da Universidad Pontificia de Salamanca, e Alfredo Campos García, da Universidade de Santiago de  Compostela, amigos e estreitos colaboradores do homenaxeado, foron os encargados de “facer memoria” entre o persoal e o académico de Antonio López Castedo, lembrando vivencias de moitas décadas de relación. Destacando a xenerosidade e o rigor profesional do que foi catedrático da UVigo, Antonio Sánchez Cabaco subliñou que “o legado” do homenaxeado é “unha herdanza que perdurará no tempo”. Pola súa banda, Alfredo Campos, destacou de López Castedo que foi “un namorado da docencia universitaria e tamén da investigación”.

No acto tamén estivo presente o estudantado ao que Antonio López Castedo deu docencia no campus de Ourense na voz de Breogán Riobó, que falou en representación do alumnado da promoción 2016/2019. Nas súas palabras, subliñou que o homenaxeado foi “un profesor atento, amable e compresivo”, lembrando como sempre tiña “un sorriso que irradiaba felicidade” e a súa implicación na aprendizaxe. En agradecemento e recoñecemento da súa figura, entregou á familia de Castedo unha placa.

O ciclo da vida

O libro foi coordinado polos membros do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa e profesores da Facultade de Educación e Traballo Social José Domínguez, Rubén González e Carmen Verde. Esta última foi a encargada de comentar no acto celebrado este venres as características da publicación, editada por Aranzadi. Tras explicar os traballos cuantitativos e cualitativos que recolle, a profesora subliñou que máis alá “do alto rigor científico” da publicación, o importante do libro é que supón “unha sentida homenaxe a Antonio das 32 persoas que nel participan”. Na publicación “percórrense diferentes formas de afrontar a vida, a morte, así como circunstancias persoais tan diverxentes como a dependencia, a violencia de xénero ou o consumo de drogas, ao longo das etapas do ciclo vital”. O libro nucléase arredor do ciclo da vida e faino en cinco grandes bloques: en xeral como unha aproximación, na infancia, na adolescencia, no período asignado ás persoas adultas e maiores e, por último, no referido aos instrumentos de intervención psicosocioeducativa. Ao longo de once capítulos abórdanse temas como a avaliación do sentido da vida para unha educación integral en universitarios, a infancia trans, a perspectiva de xénero no consumo de drogas ou a pedagoxía teatral.

O texto está destinado tanto a estudantes dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social, Traballo Social, Socioloxía, Antropoloxía, etc. como a persoal docente e investigador das ciencias sociais e a profesionais da psicoloxía, da pedagoxía, do traballo social e da educación social, entre outras disciplinas.