DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Doado pola Asociación da Prensa de Vigo

Publicacións sobre cine e liberdade de prensa, incorpóranse aos fondos da biblioteca central

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 23/10/2007

A biblioteca central do campus de Pontevedra conta, desde hai uns días, con novos e valiosos recursos documentais, despois que a Asociación da Prensa de Vigo doase á Universidade parte dos seus fondos e material histórico que, a partir de agora, poderán ser consultados polos membros da comunidade universitaria.
A doazón consta, por unha banda, de revistas clásicas da historia do cine español e, por outro, da publicación Gaceta de Prensa que recolle a evolución da liberdade de prensa no noso país desde a Guerra Civil ata a democracia. Entre as primeiras destacan publicacións de cine e espectáculos dos anos 40, 50 e 60 tan coñecidas como Cámara, Primer Plano ou Fotogramas. “Este material histórico está principalmente destinado para o uso de investigadores e estudosos“ segundo comentou o presidente da Asociación da Prensa de Vigo Fernando Ramos.
Laura González, a directora da biblioteca, mostrou a súa satisfacción cos novos arquivos da universidade: “as revistas dos anos 40 e 50 son unha documentación pouco abundante nos fondos da biblioteca e de gran interese para estudosos da historia do cine” .
Con esta aportación a biblioteca central do campus de Pontevedra conta xa cun total de 67.000 documentos, dos cales 894 son revistas, 2753 materiais audiovisuais e 1630 películas.