O traballo liderouse desde a USC e contou coa colaboración da UVigo
Publicados novos datos sobre a subsistencia paleolítica no xacemento de Cova Eirós, en Triacastela
Empregouse un novidoso método de identificación baseado na toma de mostras de coláxeno
Os estudos sobre as estratexias de subsistencia levadas a cabo polos grupos de cazadores-recolectores das Serras Orientais de Galicia durante o Paleolítico medio e superior contan cunha nova achega procedente do emblemático xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo). Unha investigación liderada desde a Universidade de Santiago de Compostela e na que tamén participou a Universidade de Vigo permitiu realizar por primeira vez unha identificación a grande escala de restos animais cazados e aproveitados por neandertais e humanos anatomicamente modernos mediante o emprego do ZooMS (Zooarchaeology by Mass Spectomety ou Zooarqueoloxía por Espectometría de Masas).
O ZooMS é un método baseado na asignación de categorías taxonómicas en función da identificación de secuencias peptídicas no coláxeno que se conserva nos ósos dos animais e comparándoos con bibliotecas de secuencias de referencia. Este método permite polo tanto identificar aqueles restos óseos que polo seu elevado grao de fragmentación non poden ser identificados mediante anatomía comparada, a base de calquera estudo zooarqueolóxico ou paleontolóxico.
O traballo, publicado en acceso aberto na revista International Journal of Osteoarchaeology, presenta o resultado da aplicación deste novidoso método en 114 restos fáunicos que non puideron ser identificados mediante métodos tradicionais e comparándoos co estudo morfolóxico de máis de 8.000 restos fáunicos do xacemento. Isto permitiu demostrar unha maior diversidade na dieta cárnica dos grupos cazadores-recolectores da que se coñecía ata o momento, deixando patente que a maior intensidade no procesado dos herbívoros introduciu un sesgo na identificabilidade dos restos destes animais, dos cales hai unha maior cantidade de esquirlas óseas indeterminadas que doutros animais, coma os osos cavernarios.
Amplo equipo de traballo
O traballo está liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (Cispac) e nel participaron tamén os investigadores da Universidade de Vigo Iván Rey, do grupo Mapas Lab, adscrito ao Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, e Mikel Díaz Rodríguez, da Facultade de Historia, e integrante tamén do Cispac.
Así mesmo, contouse tamén coa participación de Samantha Brown (Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, Cenieh), Carlos Fernández Rodríguez (Universidad de León), Álvaro Ibáñez Encinas (USC-IPHES), Arturo de Lombera Hermida (Universidad de Oviedo-Cispac), Tania Mosquera Castro (USC-Cispac), Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (Universitat Rovira i Virgili-Instituto Catalán de Paleontoloxía Humana e Evolución Social, IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC-Cispac).
“Desde a Universidade de Vigo colaboramos na análise e interpretación dos conxuntos faunísticos do xacemento de Cova Eirós”, explica o investigador da UVigo, Iván Rey, quen engade que o seu labor foi contribuír á integración dos resultados obtidos mediante ZooMS co rexistro zooarqueolóxico previamente estudado, “o que permitiu afinar a identificación taxonómica de restos altamente fragmentados e mellorar a caracterización das estratexias de subsistencia dos grupos humanos”. Así mesmo, participouse tamén na discusión dos resultados desde unha perspectiva paleoecolóxica, contextualizando os novos datos dentro das dinámicas ambientais e de ocupación humana do Paleolítico no noroeste ibérico.
Financiamento do ministerio e a Xunta
Esta investigación forma parte do proxecto Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste Ibérico 2- Generación de Conocimiento 2022), financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e Feder Una manera de hacer Europa. As escavacións arqueolóxicas no xacemento de Cova Eirós contan con financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
