DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro pasa a denominarse Facultade de Comunicación

Publícase no DOG o decreto que muda o nome de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/01/2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o decreto da Consellería de Educación, Formación e Profesional e Universidades polo que se modifica o nome da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que pasará a denominarse Facultade de Comunicación. Os trámites para mudar esta denominación foron iniciados polo centro o pasado mes de marzo, a raíz da creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, á que se adscriben dúas titulacións que previamente formaban parte de Ciencias Sociais e da Comunicación, facendo que este centro pasase a ser unha facultade “puramente de comunicación”, como explicara a decana, Emma Torres, o que motivou a proposta dunha novo nome que contribuíse “a manter un bo posicionamento como centro de referencia” nos estudos de comunicación.

Tras recibir o visto e prace do Claustro, Consello de Goberno e Consello Social da Universidade de Vigo, a proposta de cambio de nome foi informada favorablemente polo Consello Galego de Universidades e aprobada polo Consello da Xunta o 29 de decembro. Agora, o DOG recolle o decreto que autoriza esta nova denominación de Facultade de Comunicación e no que se acorda dar traslado deste cambio ao Ministerio de Universidades, a efectos da súa inscrición no Registro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).