É obra da catedrática emérita da UVigo María Victoria Carballo-Calero
Publícase a terceira edición de ‘La ilustración en la revista Nós’
Co gallo do centenario da xeración que lle deu nome
A catedrática emérita da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero presentou este mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel a terceira edición do seu libro La ilustración en la revista Nós, edición que actualiza ás de 1983 e 2011. No acto, que contou coa participación de Manuel Baltar, presidente do órgano provincial, a historiadora da arte destacou que esta publicación "ve a luz neste momento, que conmemora o centenario da revista Nós e de toda esa xeración que alumeou a modernidade da nosa cultura".
Na súa intervención, María Victoria Carballo-Calero puxo de relevo "o compromiso amosado desde o minuto un por parte do presidente Manuel Baltar para levar a cabo a reedición deste volume". Pola súa banda, Baltar salientou "o alto valor gráfico e documental da obra, que expresa a través da arte a intelectualidade de Nós, compilado nun excelente traballo de María Victoria Carballo-Calero, á que agradezo a sensibilidade e a sapiencia postas neste labor a prol da cultura e da identidade galegas".
A obra percorre ao longo de 186 páxinas a vertente artística da revista nas súas diferentes modalidades para expresar en debuxo, linóleos, gravados e outras formas de expresión da arte o que foi “unha etapa fundamental para a cultura galega”. "A ilustración de Nós vai unida ao nome de Castelao, que se encargou do aspecto tipográfico da revista, das súas portadas, viñetas e colofóns; e xunto con el colaboraron unha vintena de gravadores, debuxantes e artistas, destacando Manuel Colmeiro", comentou María Victoria Carballo-Calero durante a presentación da publicación.
O papel de Castelao
Tal e como lembra a catedrática da UVigo, a revista Nós iniciou a súa andaina en Ourense o 30 de outubro de 1920 baixo a dirección de Vicente Risco e con Arturo Noguerol en calidade de xerente. “Efectivamente, nos talleres de La Región, periódico ourensán que rexentaba don José Cid Morenza, con sede (dirección e administración) na rúa Feijóo, Nº 12, confeccionouse o primeiro número. Aínda que non vai figurar como tal deica máis adiante, Castelao vai exercer como director artístico”, sinala Carballo-Calero. Esteticamente, indica a historiadora, “o compromiso político como directriz de Nós vencellado desde os seus comezos co nacionalismo, condiciona unha plástica que non admite a linguaxe artística da vangarda salvo en contadas ocasións”.
Castelao, apunta María Victoria Carballo-Calero, “intenta renovar a linguaxe nas primeiras cubertas, no cartaz de anuncio das augas de Mondariz, en calidade de caricaturista e humorista, mais ten que adaptarse as máis das veces”. Xunto con el, engade, “intervirán na faceta gráfica (que non é a que máis ocupa, evidentemente) Álvaro Cebreiro, Cándido Fernández Mazas, Manuel Méndez, Xaime Prada… os gravadores Castrogil ou Prieto Nespereira… e a na derradeira etapa Manuel Colmeiro, na ornamentación da páxina impresa, Maside e Seoane, a partir de 1934”. “A ilustración, de amplo espectro, vai dende unha efusión estetizante ata a máis absoluta radicalización da realidade”, afirma a historiadora da arte.
Sobre esta ilustración Carballo-Calero apunta como quere destacar “a preocupación de Castelao polo aspecto gráfico da revista que, se non acada a beleza das contemporáneas Alfar ou Ronsel, a edición é pulcra”. Así, detalla, “as páxinas con amplas marxes brancas, o xogo da dobre páxina ou as láminas soltas a xeito de encarte (debuxos ou gravados) con papeis de cores… fana grata e distinta do tipo frecuente de revista literaria galega”. Castelao, sinala a catedrática emérita, “ocupouse da revista integrando maquetas, caracteres tipográficos, cubertas, brancos do papel… sempre dentro da precariedade de medios da imprenta en Galicia. Demostrou que a ilustración é importante e debe acompañar xunto coa tipografía e ornamentos aos textos”.