DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este luns permanece aberta a inscrición en sete talleres dirixidos a toda a cidadanía

Publicidade en redes sociais, creación artística e reparación de libros renovan a programación de obradoiros do campus

A estes súmanse novas edicións dos cursos de escalada e identificación de cogomelos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/09/2024

Da publicidade en redes sociais. á reparación de libros ou á exploración do autoconcepto a través da creación artística, pasando polo uso de papel para crear pezas cerámicas e dunha pistola de fío para dar forma a esculturas. Cinco novas propostas insírense na oferta de obradoiros de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este primeiro cuadrimestre. Aberta a toda a cidadanía, esta programación complétase coas novas edicións dos cursos de iniciación á escalada en rocódromo e a identificación de cogomelos. Recoñecidos cun crédito ETCS por cada 30 horas de traballo, a inscrición nestes obradoiros pode realizarse deste este luns 23 na plataforma Campus Activo.

En total, en Pontevedra ofértanse 80 prazas nestas actividades, nas que a matrícula permanecerá aberta ata o 5 de outubro. Os obradoiros teñen un prezo de inscrición de 26 euros para a comunidade universitaria, 32 para outros colectivos vinculados á UVigo e de 40 para o público xeral e desenvolveranse entre outubro e xaneiro en diferentes centros.

Belas Artes acolle catro novos obradoiros

Para o 7 de outubro está previsto o inicio do primeiro destes obradoiros, Social ads: publicidade en redes sociais (Meta e TikTok), que terá lugar na aula de novas tecnoloxías da Casa das Campás. Impartido por Javier Abuín e Adrián Aira, este curso centrarase na preparación de contidos publicitarios para redes sociais, no deseño e planificación de campañas e na elaboración de estratexias para mellorar a presenza nestas plataformas.

Tamén en outubro, Belas Artes acollerá o taller Verse outra vez, ao revés tamén funciona. Creatividade xogo e transformación social, dirixido a afondar no autoconcepto a través da creación artística. Impartido pola artistas Iria Vázquez e a cineasta Xisela Franco, o obradoiro promoverá o desenvolvemento de prácticas artísticas interdisciplinares, baseadas na propia biografía e no coñecemento da realidade a través dunha conciencia lúdica e sensorial. Nesta mesma facultade, botará a andar en outubro o obradoiro Reciclando papel e arxila, no que aprender a realizar pasta de papel cerámico para logo crear pezas. Dirixido pola profesora Covadonga Barreiro e coa participación da ceramista Emlia Guimerans e a técnica en escultura Teresa Pece, este taller busca que as e aos participantes poidan coñecer e aplicar técnicas para a creación de volumes utilizando materiais reciclados.

Xa en novembro, Belas Artes acollerá Obxectos 3D en tufting, un taller que dá continuidade a anteriores cursos centrados no traballo coa tufting gun, unha pistola de fío que permite realizar alfombras ou tapices. Impartido polo artista e docente Marcos Covelo e a deseñadora Miriam Cartagena, propón unha introdución avanzada ao proceso de traballo con esta técnica e ás súas aplicacións na arte contemporánea, como a creación dunha escultura téxtil. 

Finalmente, esta facultade acollerá en xaneiro de 2025 un obradoiro de reparación de libros, enfocado principalmente á formación de persoal de bibliotecas. Dirixido polo técnico en artes gráficas José Ángel Zabala, este curso permitirá coñecer as partes dun libro, os diferentes tipos de encadernación e os materiais empregados, así como iniciarse na realización de reparacións básicas.

Escalada e identificación de cogomelos

A estas propostas súmanse dous obradoiros que repiten presenza na programación do campus, como o curso de iniciación á escalada en rocódromo que se desenvolverá entre o 12 e o 19 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Impartido pola profesora Águeda Gutiérrez e polo responsable do programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo, José Juan Domínguez, permitirá coñecer as técnicas básicas de escalada e os equipos e medidas de seguridade, co obxectivo de que as e os participantes poidan practicar este deporte con autonomía. Tamén en outubro dará comezo, na Escola de Enxeñaría Forestal, unha nova edición de Identificación de cogomelos, obradoiro que permitirá coñecer tanto as principais especies comestibles e as súas propiedades, como a recoñecer as especies tóxicas e que será impartido polo biólogos Adrián Melón, María Cabaleiro, Hugo Fernández e Gabriel Pérez.