DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un selo propio da UVigo que recoñece os méritos acadados nesta materia

‘Q’ de calidade para o Cintecx

“Supón un paso adiante no noso posicionamento como socio tecnolóxico do tecido industrial”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/03/2023

Apenas unhas semanas despois de recibir o certificado que acredita a implantación neste centro do Sistema de Xestión da Calidade de Aenor respecto aos requisitos da norma UNE-EN ISO 9001:2015, o Cintecx acaba de recibir outra distinción que avala a excelencia deste centro de investigación na prestación de servizos e garante que a prestación de ditas tarefas cumpre cos estándares internacionais de xestión de calidade. Falamos do selo Q, unha distinción da propia Universidade de Vigo coa que a institución académica busca visualizar o traballo desenvolvido no ámbito da calidade por facultades, escolas, servizos, laboratorios ou centros de investigación.

“É importante resaltar que a oferta de servicios do Cintecx ten un dobre enfoque: por un lado, proporcionar apoio científico ao desenvolvemento da investigación no noso centro e aos membros da comunidade universitaria, pero tamén, e de xeito moi especial, á industria da nosa contorna”, explica a directora, Concepción Paz Penín, resaltando así a idea de que conseguir o selo “supón un paso adiante no noso posicionamento como socio tecnolóxico do tecido industrial”.  

Protocolos definidos, laboratorios organizados, persoal implicado…

Concedido pola Comisión de Calidade a proposta da Área de Calidade, o requisito previo para obter o selo Q é conseguir unha certificación de calidade. No caso do Cintecx apostouse por acreditar os servizos e autoservizos mediante os requisitos da norma ISO 9001:2015. Dita normativa certifica o sistema de xestión de calidade do centro e acredita os servizos e autoservizos prestados nas áreas de: Análise Químico e Caracterización Fisicoquímica, Espectrometría, Imaxe, Enxeñaría Inversa, Microscopía e Taller Mecánico. 

“Teño que dicir que fomos felicitados polos avaliadores en varios aspectos, por exemplo, destacouse o grado de definición e concreción dos nosos protocolos internos, a orde e a organización nos laboratorios e a implicación do persoal involucrado”, apunta a responsable do centro, quen tamén explica que o plan de xestión da calidade do Cintecx abarca todo o sistema de prestación de servizos dunha maneira integral, con protocolos rigorosos pero claros, a fin de constituír unha ferramenta útil e imprescindible no día a día, tanto do persoal de xestión como das persoas usuarias. “Pola nosa parte, o que máis valoramos  é precisamente isto: ter un sistema de xestión de calidade enfocado aos usuarios, con estándares claros para garantir a calidade dos servicios ofertados,  e ao propio persoal de xestión, sen procesos innecesarios”, recalca Paz Penín, ao tempo que subliña a idea de que “esta aposta pola calidade permitirá aumentar a satisfacción dos usuarios e mellorar a eficiencia dos procesos internos de xestión, e é unha proba máis da vocación de Cintecx  de achegarse ao sector industrial”.