DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gustavo Garrido, director xerente da súa Fundación, repasou a relación do escritor galego coa traduc

O que o arquivo de Carlos Casares agocha

No décimo cabodano do pasamento do autor ourensán

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 26/03/2012

Neste mes de marzo cumpríronse dez anos do pasamento de Carlos Casares, unha data que o grupo de investigación Bitraga e a Facultade de Filoloxía e Tradución quixeron conmemorar coa celebración dunha mesa redonda na que se abordou a relación do escritor coa tradución. Da man de Gustavo Garrido, director xerente da Fundación Carlos Casares, os asistentes percorreron a biografía do escritor, dende o máis persoal ata o estritamente literario, cun énfase especial na faceta de tradutor “tanto como autor traducido, autotradutor, tradutor doutros autores e, en definitiva, mediador e axente literario fundamental na historia da literatura galega recente”, como explican dende o grupo Bitraga.

Na actualidade a fundación do escritor está inmersa nun intenso traballo de recuperación, catalogación e dixitalización de toda a documentación que deixou Casares, unha ardua tarefa consecuencia inevitable dun “falecemento abrupto”, apunta Gustavo Garrido. Varios despachos, ordenadores, correspondencia e documentación gráfica compoñen unha colección dun valor incalculable que está a servir, segundo Garrido, para “unir con liñas os puntos que debuxan a figura de Carlos Casares”. Este labor de recolleita e clasificación divídese entre a súa oficina no Consello da Cultura Galega, a da editorial Galaxia e a do seu domicilio e serviu xa para localizar arredor de 9100 documentos, 400 dos cales son fotografías e o resto cadernos de notas, manuscritos, obras, notas á marxe e mesmo anacos de tradución de obras como A illa do tesouro ou Alicia no país das marabillas.

Casares e a tradución

Precisamente esta faceta de tradutor foi a que centrou o acto celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, na que se perfilou un Carlos Casares plurilingüe que aposta pola lectura das obras estranxeiras na lingua orixinal. Pero Casares tamén se autotraduciu ao castelán, consciente como apunta Garrido, “de que este era un paso necesario para saír ao estranxeiro”. De feito, téñense atopado 13 ou 14 manuscritos da tradución ao castelán de O sol do verán e cinco de Deus sentado nun sillón azul. Isto débese, segundo explica o director xerente da fundación a que “Casares dicía que traducir era case escribir outro libro e prefería controlar este proceso”.

Pero a súa relación coa tradución levouno tamén a traducir, entre outras, O Principiño de Antoine de Saint-Exupéry; Os escaravellos voan á tardiña, da sueca María Gripe e O vello e o mar de Ernest Hemingway. Durante este proceso de compilación de toda a documentación dende a fundación non descartan seguir atopando anacos de A illa do tesouro e Alicia no país das marabillas.

O director xerente da Fundación Carlos Casares referiuse tamén á relación do autor con Gonzalo Torrente Ballester ou Ramón Piñeiro, así como á súa frustrada carreira académica e á súa tese de doutoramento, que non chegou a rematar. A viaxe polo universo Casares tamén incluíu un percorrido polas moitas e prolíficas viaxes ao estranxeiro ou pola súas achegas á normalización do galego, facetas todas que segundo Gustavo Garrido, irremediablemente se reflicten na súa obra, na que aparecen mesmo personaxes reais recubertos dun pano de ficción. No tocante á lingua galega, a profesora Iolanda Galanes, encargada de introducir ao invitado coincidiu co representante da fundación na importancia que Casares lle daba ao idioma propio aínda que este recoñecía que “a lingua non é a única expresión dun pobo, se non non se explicaría o caso dos países latinoamericanos ou de Gran Bretaña, co mesmo idioma e diferentes nacións”, apuntaba Garrido. No tocante ao galego, o ourensán amosou sempre o seu compromiso escribindo unicamente na lingua propia pero era consciente de que se trataba dunha lingua maltratada e marxinada, “polo que o paso necesario para que os escritores galegos saísen ao estranxeiro pasaba pola tradución ao castelán”, un exemplo que seguiron moitos autores da súa época no camiño do recoñecemento internacional, aínda que hoxe non sempre é necesario.