DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Hi10 realizou co alumnado un control antropométrico a participantes no Salitre Fest

Que caracteriza aos e ás principais deportistas de ‘paddle surf’ de España?

O obxectivo era reunir datos dunha disciplina pouco estudada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 01/10/2018

Ao longo da pasada fin de semana, Baiona foi sede do Salitre Fest a maior cita celebrada en España de paddle surf, disciplina na que as e os deportistas avanzan de pé sobre unha táboa grazas ao uso dunha pa. Cita na que se insería a celebración do Campionato de España de Paddle Surf de longa distancia, que permitiu ao grupo de investigación Hi10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, reunir un amplo número de datos respecto dos parámetros fisiolóxicos que caracterizan aos e ás principais deportistas “dunha modalidade relativamente recente e sobre a que hai poucos estudos”, como explica José Luis García Soidán, coordinador do grupo. Xunto con sete estudantes do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, o investigador realizou en Baiona medicións antropométricas de “aproximadamente o 50% dos e das deportistas participantes” nun evento que, sumando as súas diferentes modalidades de competición, reuniu preto de 150 deportistas.

Coñecer a composición corporal dos e das participantes, “o seu peso, as medidas das súas extremidades, os seus índices de masa muscular...” constituían nese senso o obxectivo principal do traballo levado a cabo no marco deste evento organizado por Waira e o Club Galego de Surf, co apoio do grupo de acción local do sector pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda e enmarcado no programa de actividades do 525 aniversario da arribada da Carabela Pinta a Baiona. Así mesmo, segundo explica García Soidán, este control antropométrico completouse coa recollida de información, a través dunha serie de cuestionarios, sobre cal é a súa alimentación, o seu réxime de adestramentos ou sobre as lesións que padeceron e como reaccionaron ante elas. “Foi unha experiencia moi interesante e novidosa”, recoñece García Soidán dun traballo no que, “grazas á colaboración da organización, puidemos compilar datos sobre todo dos e das que quedaron nos primeiros postos” no campionato estatal de longa distancia, unha das probas deportivas inseridas neste evento e na que os e as mellores clasificados pasarán a formar parte da selección coa que España competirá no mundial da disciplina, que terá lugar en China, segundo informou a organización. 

Deste xeito, este control antropométrico fará posible analizar cales son “os parámetros de rendemento e composición corporal” das e os mellores deportistas en España, unha vez realizado o traballo de codificación e análise de toda a información recollida, explica García Soidán, que agarda que esta colaboración co Salitre Fest poida ter como resultado tanto a publicación de artigos científicos como a realización dalgún traballo de fin de grao por parte das e os alumnos participantes. Así mesmo, explica o investigador, remitirase a cada deportista participante no estudo “un pequeno informe personalizado, para que vexan as súas características e as dos principais deportistas da modalidade, para que poida axudarlles a mellorar o seu rendemento”.