DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta pregunta foi o eixo da conferencia do crítico Claudio Sánchez en CCSS e da Comunicación

Que fai “imprescindible” unha serie de televisión?

No relatorio, salientou a importancia da construción dos personaxes e do ritmo narrativo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 07/11/2022

Na actualidade, as diferentes plataformas estrean en España máis de 50 series cada mes, o que fai especialmente complexo dar forma a producións que sexan capaces tanto de captar o interese de audiencia como de perdurar no tempo. Dar resposta á pregunta de que fai “imprescindible” a unha serie de televisión foi o obxectivo central da conferencia que o crítico Claudio Sánchez impartiu este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Nunha actividade organizada pola Área de Xornalismo e patrocinada pola Vicerreitoría do campus, Sánchez sinalou a construción dos personaxes e do ritmo narrativo como as claves para xerar producións “perdurables”, que manteñan o interese co paso do tempo.

“Na miña opinión, o que máis conecta co espectador é a creación dun ritmo e duns personaxes”, salientou este crítico de cine e televisión en Aceprensa, iCmedia e Fila Siete, que foi presentado nesta conferencia pola profesora Mercedes Román. No propio título do relatorio, de feito, Sánchez sinalaba xa unha serie de exemplos de producións ao seu xuízo destacables por ese labor de “desenvolvemento de personaxes e creación do ritmo”, como Breaking Bad ou Mad Men, “que creo que van marcar un antes e un despois, non só na historia da televisión, senón na historia do audiovisual e das que se seguirá falando dentro de vinte anos”. Nun relatorio completado coa proxección de pequenas escenas, Sánchez afondou tamén noutros exemplos como Antidisturbios, “unha serie que recolle moitos ámbitos e estruturas sociais e que é unha obra de arte”, ou Patria, a adaptación da novela de Fernando Aramburu. “Lévase moito tempo facendo películas series sobre ETA, pero ata Patria ou La línea invisible non se fixera un retrato o suficientemente complexo ou matizado. Eran todo películas que duraban un ano e a xente esquecía por completo, que podían xerar un interese histórico, pero non cinematográfico”, concluíu este crítico e doutor en Comunicación pola Universidade Internacional de Cataluña.

Series con éxito, pero “efémeras”

Nun momento no que a cantidade de producións fai especialmente relevante “captar a atención do espectador de todas as maneiras posibles”, existen tamén moitas series que buscan o “impacto directo” a través dos xiros argumentais, o que pode dar lugar, sinalou Sánchez, a producións “que poden ter moito éxito comercial no momento, pero que ao longo son series efémeras, que non perduran como o bo cine”. Nese senso, o crítico contrapuxo ese traballo no desenvolvemento dos personaxes con series nas que “o ritmo está baseado nos xiros da trama e nas que o importante é que o personaxe poida moldearse” en lugar da súa “evolución psicolóxica”. Esta fórmula, sinalou, pode ter como resultado “series que decepcionan, porque hai carencia dun esqueleto, dunha coherencia...”, pero tamén a producións de gran éxito, como Élite, que conseguen “conectar cun determinado público, pero que teñen moi pouca calidade artística”. Non en van, engadiu, nas circunstancias que inflúen no éxito dunha determinada produción “sempre hai unha parte de misterio”, determinada por unha conxunto de factores que poden levar a que, por exemplo, El Juego del Calamar, fose a serie con maior audiencia en Netflix, “cando hai outras moitas series coreanas dese mesmo perfil”.