DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro edita unha revista que recolle entrevistas a diferentes docentes

Que investigan na EE Forestal?

Trátase dunha iniciativa da alumna e bolseira da escola Nerea Mallo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 15/07/2019

Dar a coñecer a diversidade de liñas de investigación que se desenvolven na Escola de Enxeñaría Forestal. Ese o propósito central de Que investigan?, a revista impulsada pola alumna e bolseira de difusión da escola Nerea Mallo, que reúne entrevistas a sete docentes deste centro. “Parecíame importante dar a coñecer os ámbitos de investigación do profesorado da escola”, recoñece Mallo, responsable da redacción e edición dunha publicación que busca tamén amosar “cal é todo o abano” de ámbitos de traballo e estudo que engloba a titulación que imparte este centro.
 
“Penso que as propias estudantes non sabemos todos os ámbitos de investigación que hai aquí dentro”, engade nese senso a impulsora dunha publicación que, ademais de distribuírse no propio centro, a escola achegará tamén a outras institucións vinculadas ao ámbito forestal. Deste xeito, explica Mallo, trátase de dar difusión do propio labor investigador que se desenvolve na escola tanto a outros axentes do sector e ao futuro alumnado como aos propios estudantes de centro. Nese mesmo senso, o director da EE Forestal, Juan Picos, valora o positivo desta iniciativa tanto á hora de achegar “visibilidade á escola”, como no relativo a contribuír á “cooperación e cohesión interna” na propia escola dando a coñecer as áreas de traballo dos e as súas diferentes integrantes.

Unha presentación tanto do labor investigador como docente

Concretamente, Que investigan? permite saber algo máis dos traballos que a profesora Purificación Marcet desenvolve no eido da edafoloxía, das investigacións sobre liques de Graciela Paz ou as liñas de traballo sobre ecoloxía evolutiva e conservación de especies ameazadas do profesor Adolfo Cordero. As investigacións no eido da ecofisioloxía vexetal de Carlos Souto e os traballos que a profesora Xana Álvarez realiza no ámbito da xestión dos recursos naturais son tamén abordados nesta publicación. Así mesmo, entre os entrevistados e entrevistadas figura tamén o catedrático Henrique Lorenzo, quen fala do seu labor na área da enxeñaría cartográfica, e o profesor asociado e investigador do CIF de Lourizán José María Fernández, que aborda as súas liñas de estudo sobre incendios forestais.

“A idea é publicar un segundo número con entrevistas a outros profesores e profesoras da escola", engade Mallo sobre unhas revistas que estarán dispoñibles tamén na web do centro. Entrevistas nas que, explica, os e as participantes responderon a un mesmo cuestionario. A través deste, a revista busca por unha banda dar coñecer cales son os ámbitos de investigación dos e as entrevistados, os proxectos nos que traballan actualmente ou as súas publicacións científicas máis recentes. Asemade, a publicación aborda tamén outra serie de cuestións vinculadas ao seu labor docente, desde as materias que imparten e a súa importancia no eido forestal, á súa opinión sobre a propia evolución do alumnado ao longo dos anos. “As preguntas son sempre as mesmas, primeiro abórdase a parte persoal e a súa función docente dentro da escola e despois o seu labor investigador”, explica Mallo que complementa cada entrevista cuns versos, asinados por Moabi, a modo de peche.