DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador do CIM Ángel P. Diz abordou esta cuestión hoxe no Café con Sal

Que pode achegar a investigación con mexillóns mariños á herdanza biparental do ADN mitocondrial en humanos?

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigar
DUVI 06/10/2020

O programa Café con Sal celebrou este martes unha nova sesión na que Ángel Pérez Diz, profesor titular da Universidade de Vigo e investigador do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética (XB2, CIM), presentou o relatorio Herdanza biparental do ADN mitocondrial en humanos: que nos puede achegar a investigación con mexillóns mariños? O docente da UVigo achegou ás persoas asistentes as principais conclusións dun recente e controvertido estudo sobre a herdanza do ADN mitocondrial (mtDNA) en humanos e a súa relación co coñecemento actual sobre a herdanza dobre uniparental (DUI) do ADNmt (ADN mitocondrial) en mexillón, ademais de realizar unha breve descrición dos obxectivos xerais do proxecto Mitogenómica y mitoproteómica de mejillones marinos con herencia uniparental doble del ADN mitocondrial y diferente trasfondo genético, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e no que traballa o grupo XB2 nas instalacións da Ecimat.

Pérez Diz lembrou no seu relatorio a recente publicación dun traballo con  resultados que desafían a regra xeral de que a herdanza do ADN mitocondrial (mtDNA) en humanos (e en xeral nos metazoos) é estritamente maternal. Na actualidade, identificáronse máis de 100 especies de bivalvos, entre eles os mexillóns mariños (Mytilus spp.), que seguen un modelo inusual de herdanza do ADNmt chamado Herdanza Dobremente Uniparental (DUI), onde a herdanza de mitoxenomas maternos e paternos altamente diverxentes é a regra xeral, e non a excepción. Excepcións, sinalou o investigador, que poderían ser útiles para investigar os mecanismos moleculares que subxacen á transmisión do ADNmt paterno á descendencia e aínda que estes mecanismos son actualmente descoñecidos, xa houbo algúns avances interesantes nesta dirección con resultados proteómicos que tamén contribúen a esta procura.

Precisamente, o grupo XB2 colaborará mediante tecnoloxía xenómica e  proteómica de alto rendemento a estes avances, grazas, como explicou Ángel Pérez Diz, ao proxecto Mitogenómica y mitoproteómica de mejillones marinos con herencia uniparental doble del ADN mitocondrial y diferente trasfondo genético, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. O proxecto, dirixido polo propio poñente e por Paloma Morán, ten como un dos seus obxectivos coñecer a implicación potencial das proteínas mitocondriais seleccionadas en varias especies de mexillóns no mecanismo de herdanza uniparental dobre (DUI), o illamento reprodutivo e a influencia do DUI na determinación do sexo. Os resultados, segundo explicou o investigador da UVigo, poderían ser útiles para comprender os casos excepcionais notificados en humanos.