DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores de Ciencias da Educación estudan as variables implicadas na aprendizaxe da aritmética

O que suma e o que resta no fracaso escolar en matemáticas

O proxecto contempla a avaliación de 600 alumnos de Primaria da provincia de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 10/02/2017

A área curricular das matemáticas, explica Valentín Iglesias Sarmiento, docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, congrega unha elevada porcentaxe de fracaso escolar. Os últimos datos, apunta, tanto a nivel estatal como da provincia de Ourense sinalan que “arredor do 20% dos estudantes de Educación Primaria amosan dificultades á hora de realizar cálculos aritméticos e de resolver os problemas matemáticos cos que poderían atoparse na vida diaria”. Co obxectivo de indagar nesta problemática crecente nos últimos anos, investigadores do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Vigo están a analizar as variables implicadas neste fracaso.

No marco desta liña de investigación, Valentín Iglesias xunto a un equipo formado polo catedrático Manuel Deaño e as investigadoras Ángeles Conde e Sonia Alfonso, vén de desenvolver un proxecto financiado na convocatoria INOU2016 titulado Estudo das variables implicadas no fracaso escolar en matemáticas do estudantes ourensáns de Educación Primaria. A investigación, comenta Iglesias Sarmiento, realízase xa que “non está claro como se adquiren as habilidades aritméticas ao longo da escolarización, cales son os procesos cognitivos que se vinculan ás diferenzas individuais e como se relacionan eses procesos coas habilidades específicas para acadar un rendemento competente”.

O obxectivo do proxecto é estudar a través de distintas ferramentas de avaliación as relacións entre o funcionamento cognitivo xeral (funcionamento executivo e sistema de procesamento fonolóxico e espacial) e específico (competencia numérica) co rendemento aritmético amosado por 600 estudantes ourensáns escolarizados en 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria. O estudo pretende identificar perfís específicos do alumnado susceptible de ter dificultades no dominio curricular das matemáticas; estudar a evolución que se produce no funcionamento cognitivo e nas habilidades aritméticas entre os 9 e os 12 anos; establecer preditores específicos do rendemento matemático e desenvolver propostas específicas de actuación en función dos perfís identificados. A investigación, detalla Valentín Iglesias, centra os seus esforzos na aritmética básica, e máis concretamente na resolución de problemas aritméticos, “dado que a súa competencia condiciona o dominio doutros ámbitos matemáticos ou incluso o acceso a estudos superiores e á empregabilidade futura”.

Perfís e preditores

Ao abeiro da convocatoria INOU avaliáronse as habilidades cognitivas e de dominio específico de arredor de 300 dos 600 estudantes previstos para todo o proxecto. Na mostra analizada, indica Valentín Iglesias, “localizamos tres perfís específicos de alumnado con problemas no ámbito matemático: grupo con dificultades de aprendizaxe nas matemáticas, grupo con baixo rendemento e un grupo de alumnado con trastorno de déficit de atención e/ou hiperactividade (TDAH)”. Os datos, engade o psicólogo, relacionan o logro aritmético nos tres niveis finais da Educación Primaria, e polo tanto as dificultades, “co funcionamento cognitivo subxacente e coas habilidades numéricas previas”.

No traballo desenvolvido ata o momento, indica o investigador principal do proxecto, “localizáronse datos novidosos que diferencian aos grupos que soen presentar fracaso escolar en matemáticas”. Deste xeito, detalla, “os nenos con TDAH manifestan un déficit executivo, concretado nos procesos de planificación e atención”. Polo que respecta aos nenos con baixo rendemento ou dificultades en matemáticas, engade, as diferenzas entre os grupos focalízanse na competencia numérica (coñecemento do número e do sistema numérico decimal) e na codificación (simultánea e sucesiva). O grupo con baixo rendemento amosa maior competencia na súa utilización que o grupo con dificultades máis severas e os nenos con dificultades de aprendizaxe nesta área amosaron un rendemento deficitario en planificación e no sistema de procesamento, resume Valentín Iglesias.

Segundo explican os investigadores, no estudo realizado emerxeron como preditores principais do logro aritmético, visto de forma global en toda a mostra, o procesamento simultáneo e o procesamento do número. No caso concreto da resolución de problemas, localizáronse preditores específicos para cada perfil identificado. “No caso do grupo con TDAH, as variables executivas foron as preditoras do rendemento na tarea curricular de resolución de problemas aritméticos. No caso do grupo dificultades de aprendizaxe nas matemáticas a variable visoespacial, vinculada ao procesamento simultáneo, consolidouse como o preditor específico do rendemento en resolución de problemas”, indican no estudo.