DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por un equipo de investigación da UVigo e CSIC

O quecemento global podería triplicar as probabilidades de padecer secas no Mediterráneo occidental

A causa estaría no descenso da humidade transportada pola atmosfera desde os océanos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 04/12/2024

Un equipo de investigación da Universidade de Vigo e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) realizaron un estudo no que sinalan que o quecemento global podería triplicar as probabilidades de padecer secas no Mediterráneo occidental. Nel apuntan que o transporte atmosférico de humidade, é dicir, a humidade que procede dos océanos e transporta a atmosfera, terá unha maior influencia na aparición de secas na zona euromediterránea debido ao quecemento global. En concreto, estiman que a finais do século XXI as probabilidades de que se produzan secas aumentarán entre dúas e tres veces respecto ás actuais, nun escenario de altas emisións de gases de efecto invernadoiro.

A investigación foi realizada pola Unidade Asociada de I+D+i ao CSIC da Universidade de Vigo, chamada Grupo de Física da Atmosfera e do Océano, e a Plataforma Temática Interdisciplinar (PTI) Clima e Servizos Climáticos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), á que pertence a citada unidade da UVigo. Os resultados do traballo foron publicados nun artigo na revista do grupo Nature Communications Earth & Environment, titulado The increasing influence of atmospheric moisture transport on hydrometeorological extremes in the Euromediterranean region with global warming. Por parte da Universidade de Vigo está asinado por Luis Gimeno Sotelo, José Carlos Fernández, Raquel Nieto e Luis Gimeno Presa, do grupo EphysLab (Environmental Physics Laboratory)-Centro de Investigaciόn Mariña (CIM) e por parte do CSIC por Sergio M. Vicente, do Instituto Pirenaico de Ecología.

O papel do transporte de humidade desde o océano

“A humidade que transporta e contén a atmosfera é fundamental para a ocorrencia de precipitacións, pero tamén de secas. Na zona euromediterránea, que engloba todas as rexións europeas situadas na conca do Mediterráneo, esta humidade procede sobre todo do océano Atlántico e do mar Mediterráneo”, sinala o equipo investigador. No estudo realizado, comentan, analizaron como afectaría o quecemento global á influencia que ten a humidade que transporta a atmosfera na aparición de fenómenos hidroclimáticos extremos, é dicir, choivas torrenciais e secas.

No caso das precipitacións, comentan as e os investigadores, “espérase que a influencia do transporte de humidade sexa maior que a actual para mediados de século”. As estimacións feitas indican que a dependencia das precipitacións respecto ao mencionado transporte de humidade aumentará ao redor dun 25% no inverno e un 10% no verán. “Porén, para finais de século, crese que a importancia da humidade nas precipitacións extremas diminúa, atopando un aumento 'insignificante' (inferior ao 5%) con respecto ao período actual”, recolle o artigo publicado.

En canto á aparición de secas, o estudo apunta que o transporte atmosférico de humidade exerce unha influencia notablemente maior nos climas futuros que no actual. Isto, comenta o equipo investigador, débese ao aumento da probabilidade da aparición de secas asociado aos déficits de transporte de humidade desde a fonte oceánica dominante. “Prevese que os valores medios sexan do 40%, é dicir, entre dúas e tres veces maiores nos períodos futuros que no actual. Este aumento tamén se observa cando se analizan todas as fontes de humidade oceánica dunha rexión determinada, por exemplo, no caso da península ibérica”, destaca Luís Gimeno, investigador da UVigo que liderou o estudo.

Segundo explican os investigadores e investigadoras, este rechamante aumento do impacto do transporte de humidade sobre a probabilidade de secas podería atribuírse á diminución prevista dos niveis terrestres de almacenamento de auga en toda a rexión euromediterránea. Isto, sinalan, reduciría o papel das fontes locais de humidade na xeración de precipitacións, aumentando a importancia do transporte de humidade desde o océano na ocorrencia de secas. “Estes resultados poñen de relevo o papel crave do transporte de humidade desde o océano nas futuras secas da rexión, especialmente no contexto da redución de aportes locais de humidade procedentes da evaporación terrestre como consecuencia dun solo máis seco”, conclúe Gimeno.