DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC EE e Empresariais acolleu unha xornada organizada dentro do proxecto Oceanets

Se queremos unha sociedade sostible… economía circular si ou si

O programa incluíu unha mesa redonda orientada á sostenibilidade do sector da moda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/03/2021

Prever, recuperar, reutilizar, reciclar…  nunha economía circular, o valor dos produtos e materiais mantense durante o maior tempo posible; os residuos e o uso dos recursos redúcense ao mínimo e, cando se supón que un produto chega ao final da súa vida útil, consérvase dentro da economía co fin de volvelo a empregar e seguir creando valor. Sobre todos estes conceptos xirou este mércores a Xornada Desenredando a economía circular, organizada dentro das accións de difusión de Oceanets, un proxecto de investigación liderado polo Instituto Tecnolóxico do Plástico (Aimplas) e no que participan numerosos investigadores da agrupación estratéxica Ecobas da Universidade de Vigo, así como a Cooperativa de Armadores de Vigo e varias empresas, co que se busca a recuperación, reutilización e reciclaxe de artes de pesca para obter produtos de valor engadido na industria téxtil.

Esta xornada, que se levou a cabo no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, estaba prevista inicialmente para marzo de 2020 pero a pandemia obrigou a cancelala. Agora retomouse cun programa totalmente actualizado pero co mesmo obxectivo “explicar conceptos básicos sobre economía circular e ver como se relacionan co ámbito da moda”, explica a profesora Rocío Rodríguez Daponte, investigadora principal de Oceanets. “Outros socios do proxecto xa levaron a cabo accións en outros ámbitos, como por exemplo no Porto de Vigo cos armadores, na industria téxtil, do plástico, etc. e, no noso caso, a acción está máis orientada á difusión do coñecemento desde un punto de vista máis académico”, recalcou a investigadora, integrante do grupo de investigación i-Mark.

Solucións, viables e rendibles, ao lixo mariño

O programa do encontro arrancou cunha presentación que nesta ocasión chegou da man da vicerreitora de Investigación Belén Rubio quen, ademais de felicitar aos socios do proxecto polos diferentes éxitos que se están a conseguir, remarcou a importancia de dar o salto da economía lineal, baseada na cadea usar-consumir-tirar, á circular, dirixida a pór en valor todos eses materiais desbotables, reducindo ao mínimo ese tipo de residuos. Puxo o foco na contaminación mariña como un dos grandes problemas aos que se enfronta a sociedade actual, lembrando que cada segundo vértense ao océano 200 quilogramos de plástico o que, ao cabo do ano, supoñen máis de 12 millóns de toneladas, “auténticas illas de plástico”. Tal e como subliñou a vicerreitora, “proxectos como Oceanets, no que empresas e universidade traballan de xeito conxunto, tratan de buscar unha solución, unha solución que, ademais, é economicamente rendible”.

Axudar a resolver o problema que supón o lixo mariño é a idea básica sobre a que se asenta Oceanets e así o explicou Rodríguez Daponte quen, tras a intervención da vicerreitora, foi a encargada de facer unha breve presentación do proxecto. “Para nós é básico coñecer onde se localizan eses refugallos da pesca que agora están no fondo dos océanos e, unha vez localizados, darlle valor, que é esencia básica da economía circular da que hoxe falamos ”, explicou a investigadora.

Tras estas presentacións iniciais,  o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Gumersindo Feijóo Costa -actual vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica- impartiu un relatorio no que afondou no concepto de Economía Circular e presentou diferentes exemplos de modelos de negocio ‘circulares’. Experto en Biotecnoloxía Ambiental, Feijóo Costa é un dos autores da denominada Estratexia Galega de Economía Circular, documento elaborado desde as tres universidades galegas a encargo da Xunta de Galicia e co que o goberno galego busca impulsar un cambio de modelo económico e produtivo por outro máis eficiente e racional.

O programa incluíu tamén unha mesa redonda centrada na sostenibilidade do sector da moda na que interviñeron a responsable de Medio ambiente e valorización do produtos do mar de Anfaco-Cecopesca, Leticia Regueiro; Sara Bermúdez, da empresa Bimba e Lola, e Violeta Bouzada, de Fento Moda Sustentable Gallega. Finalmente, celebrouse un taller de economía circular no que se levaron a cabo diferentes dinámicas participativas pensadas para que as persoas asistentes “non se queden cos conceptos teóricos que se explicaron nos relatorios, senón que, dalgunha maneira, os apliquen a casos prácticos e así poidan iniciarse nun ‘pensamento de circularidade’”, recalcou a coordinadora.

Fase final de Oceanets

O proxecto Oceanets, ao abeiro do cal se organizou esta xornada, xurdiu da necesidade de previr a perda dos aparellos de pesca no mar que, ademais da consecuente perda económica, supón un impacto ambiental negativo pola produción de residuos plásticos e pesca pantasma. Ademais, o proxecto pretende pór en valor as redes de pesca danadas que non se poidan reparar para contribuír á reciclaxe destes residuos xerando un potencial beneficio económico. A iniciativa, que se atopa xa na súa fase final, está financiada a través da Axencia Executiva para as Pemes (Easme) polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Os seus obxectivos concretos son desenvolver unha ferramenta TIC para previr a perda e degradación de redes; demostrar a viabilidade técnica e ambiental de produtos de alto valor engadido producidos a partir de redes recicladas e outros plásticos recuperados do mar; reducir, controlar e reciclar lixo mariño xerado pola acción humana no mar e concienciar aos pescadores sobre o problema que supón o lixo mariño.