DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sociedad Textil Lonia celebrará unha xornada de recrutamento de estudantes o 3 de marzo 

Queres achegar o teu talento, paixón e entrega a unha das empresas máis estratéxicas do sector téxtil?

As persoas seleccionadas incorporaríanse cunha bolsa a seis áreas estratexias da compañía 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 13/02/2020

Con tendas en países dos catro continentes e un cadro de persoal de máis de 2500 empregadas e empregados, Sociedad Textil Lonia (STL), responsable das marcas Purificación García e CH Carolina Herrera, celebrará o vindeiro 3 de marzo no edificio Miralles do campus de Vigo unha xornada de recrutamento de estudantes, “que acheguen talento, paixón e entrega e que estean interesados en medrar e mellorar con nós”, sinalan desde STL. Na xornada, que comezará ás 9.00 e se prolongará ata as 14.00 horas, desenvolveranse diferentes dinámicas individuais e grupais a través das que as e os representantes da empresa poderán valorar os posibles candidatos, co obxectivo de incorporar o alumnado con máis talento a media ducia de áreas estratéxicas da compañía.

A xornada de recrutamento, na que as persoas interesadas poderán inscribirse ata o 20 de febreiro, tamén se desenvolverá o 10 de marzo no campus de Ourense. Creada en 1997, Sociedad Textil Lonia desenvolve a súa actividade en Pereiro de Aguiar, nunha superficie de 45.300 m², na que o deseño, a produción e a distribución do produto están integrados nun proceso unificado.

Cubrir posicións prácticas en áreas estratéxicas da compañía

O obxectivo desta cuarta xornada de recrutamento ten a finalidade de cubrir posicións prácticas en media ducia de áreas estratéxicas da compañía. Así, na área de Operacións e Transformación o alumnado aprenderá a coordinar a actividades de todos os departamentos co obxectivo de sensibilizar á organización para levar a cabo unha cadea de valor excelente. En Finanzas coñecerán de primeira man á xestión económica-financeira da empresa: tesourería, administración e contabilidade ou seguros; mentres que en Loxística, adentraranse na distribución, transporte e almacenaxe empresarial. No caso de IT, aprenderán a desenvolver e implantar novas aplicacións de alto valor para a compañía e formaranse en asegurar o funcionamento eficiente dos sistemas e comunicacións, e na área de Retail Operacións, traballarán na coordinación, seguimento e optimización de puntos de venda a nivel comercial. Por último, na área de Planificación e Fabricación aseguraran o cumprimento dos prazos de produción traballando da man con outros departamentos.

En canto ás condicións laborais do alumando que finalmente sexa seleccionado nesta xornada de recrutamento, será a través dun formato Feuga, cun contrato inicial de seis meses, prorrogables por outros seis. Durante a primeira parte da bolsa, o alumnado recibirá 600 euros netos mensuais, que se incrementarán ata 800 durante o seguinte semestre. Pasado un ano, o manager e os responsables de recursos humanos da empresa realizarán unha avaliación das e dos bolseiros para decidir sobre a súa posible incorporación á sociedade. “En edicións anteriores das xornadas de recrutamento asináronse sete convenios de prácticas e a día hoxe esas persoas continúan a traballar con nós”, confirman desde STL.