DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentación do novo libro do profesor Xosé Rúas

"Quero ser presidente" ofrece aos candidatos as claves do triunfo electoral

Etiquetas
  • Pontevedra
DUVI DUVI 29/02/2008

“Honradez, Humildade e sentido do Humor”. Son estas tres H as que, segundo o profesor Xosé Rúas, resumen as características básicas que debe ter calquera aspirante a líder. Sobre estas e outras claves para acadar o triunfo electoral versa o seu último libro Quero ser presidente, que vén de presentar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que imparte docencia.
Trátase dunha publicación que reflicte a súa traxectoria docente e investigadora e na que afonda nos aspectos básicos para a realización dunha campaña electoral, aplicables a calquera persoa que se queira presentar a unha candidatura “dende un partido político ata unha asociación de veciños”. Na presentación do libro, Rúas estivo acompañado polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, que salientou que o autor “fai unha importante aportación á comunicación política dende unha ollada galega e afonda nos pasos que debe seguir un político para acadar os seus obxectivos electorais”.
Experto teórico e profesional con ampla experiencia, neste volume ofrece a súa visión deste ámbito da comunicación dende tres perspectivas: a docente, como profesor e investigador universitario, a xornalística e a de experto e asesor en comunicación política, mesturando así o bagaxe académico cun ton didáctico e cheo de anécdotas que conseguen facer un libro ameno e de agradable lectura. En definitiva, trátase dun manual actualizado e cheo de intelixencia práctica, útil para aqueles que queiran acadar o triunfo político, así como para os curiosos que desexen coñecer o mundo das campañas electorais. É un libro para calquera que decida postularse como candidato a alcalde, presidente do Goberno ou mesmo da súa comunidade de veciños no que o autor tenta compartir experiencias e anécdotas laborais e académicas cun toque de humor e contando “case todo o que sei e puiden aprender sobre campañas electorais”.
A editorial do libro é Alvarellos, unha das tres máis veteranas de Galicia, que cumpre en maio o seu décimo terceiro aniversario e que estivo representada no acto polo seu responsable, Henrique Alvarellos.

A traxectoria de Xosé Rúas

Ademais dos seus artigos e conferencias sobre comunicación electoral publicados en diversos congresos e revistas de ámbito académico, o profesor Xosé Rúas é coautor dos libros Cómo gañar ou perder unhas eleccións (2004) e Información, opinión e propaganda na prensa galega durante as primeiras eleccións da democracia (2006). Nas eleccións municipais de maio de 2007 asesorou en materia de comunicación os candidatos dunha cidade e dúas vilas galegas. Os tres resultaron elixidos.