DUVI

Diario da Universidade de Vigo

48 egresados e egresadas celebraron o venres o seu acto de graduación

A quinta promoción do grao de Dereito di adeus ás aulas

Rafael de Asís Roig foi nomeado membro honorífico do Claustro de Profesores da facultade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 05/06/2017

O campus de Ourense e especialmente a súa Facultade de Dereito celebrou este venres o acto de graduación da quinta promoción do grao en Dereito que se imparte nese centro. 48 novos xuristas recolleron as súas bandas e diplomas coa satisfacción de rematar con éxito unha etapa moi importante da súa vida, os estudos universitarios, e coa ilusión de comezar outra, a carreira profesional. Celebrando con eles e elas este momento tan especial para os estudantes estiveron familiares, amigos, membros da comunidade universitaria e autoridades.

Recoñecemento e ilusión

O acto de graduación da quinta promoción do grao en Dereito tivo lugar no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico, coa participación, entre outras autoridades, de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito ourensá. Os padriños de promoción foron os docentes do centro Roberto O. Bustillo, de Dereito Administrativo, e Pablo Raúl Bonorino, de Filosofía do Dereito. Todos eles tiveron palabras de recoñecemento aos novos egresados e egresadas do centro polo esforzo realizado ao longo da carreira e de ánimo para a nova etapa que se lles abre co remate dos seus estudos de grao.

“Nós, a Facultade de Dereito, presentamos orgullosos unha nova promoción de xuristas solidamente formados ante un auditorio e unha sociedade que confiou en nós”, destacou Marta Fernández no seu discurso durante o acto de graduación. Da nova promoción destacou como ten demostrado dentro e fóra da aula “motivación, creatividade, entusiasmo, compromiso coa sociedade e unha gran capacidade emprendedora”, levando a cabo diferentes iniciativas formativas e divulgativas. Aos novos xuristas, a decana díxolles como “dispoñedes xa de ferramentas que, ben conservadas, actualizadas con unha aprendizaxe permanente e co voso esforzo persoal, vos permitirán colleitar logros e éxitos profesionais e afrontar novos retos. A formación e o coñecemento no deben concluír coa vosa graduación. Son as chaves do voso futuro profesional”. Por último, a docente recalcoulles a importancia de que no futuro sexan non só “excelentes profesionais” senón “persoas de valor” que destaquen polo seu “compromiso, compañeirismo, solidaridade, integridade, lealdade, bondade e humildade”.

Nomeamento de Rafael de Asís Roig

Como xa vén sendo tradición, durante o acto de graduación tamén se levou a cabo o nomeamento dun novo membro do Claustro de Profesores da Facultade de Dereito ourensá. Nesta ocasión, o elixido foi Rafael de Asís Roig, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade Carlos III de Madrid.