DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Control non Liñal da EE Industrial recolleu o galardón ‘Fernando Calvet Prats’

A RAGC premia, pola súa capacidade de transferencia, un proxecto da UVigo que dixitaliza o selado das latas de conserva

No acto, celebrado este mércores, destacouse o seu potencial para romper a barreira do laboratorio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Investigación
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 16/04/2026

Despois de seren anunciados hai escasas semanas, este mércores pola tarde a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou os seus Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, un deles para un proxecto da Universidade de Vigo que desenvolveu e levou ao mercado unha tecnoloxía que dixitaliza o selado das latas de conserva. Detrás deste caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa está o Grupo de Control non Liñal da Escola de Enxeñaría Industrial en colaboración coa empresa Actega Artística.

No acto institucional, que se celebrou nesta pasada tarde no Pazo de San Roque de Santiago, tamén se fixo entrega do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio de Divulgación Científica. Ao evento asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, entidade que promove dous dos premios; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa M. Crujeiras; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade. 

Na súa intervención, a vicepresidenta da RAGC puxo de relevo “a elevada calidade” das candidaturas presentadas ás diferentes convocatorias e salientou que “a ciencia e a tecnoloxía xogan un papel clave e indiscutible como motores do desenvolvemento económico dun país, polo que comunicar os descubrimentos e avances científicos e as súas aplicacións á sociedade é unha prioridade”. 

Unha tecnoloxía que dixitaliza o selado das latas de conserva

O Grupo de Control non Liñal da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, coordinado por Miguel Díaz-Cacho, recibiu o Premio Fernando Calvet Prats por un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa. A distinción chegoulles polo desenvolvemento dunha tecnoloxía que permite a dixitalización e control do proceso de selado das latas na industria alimentaria, que ata o de agora era manual. Grazas a ela, lógrase aumentar a produción, mellorar os controis de calidade e aforrar material selante. Ademais, evítase desperdiciar millóns de tapas e as posibles anomalías na produción poden resolverse de xeito automático e remoto. Esta tecnoloxía transferiuse á empresa Actega Artística, con sede no Porriño, dedicada ao deseño e fabricación de compostos selantes para envases metálicos, en especial para o sector conserveiro.

Ao recibir o galardón, o investigador Díaz-Cacho salientaba que “este premio non é para min, nin para o equipo, nin sequera para a empresa, senón para toda Galicia nun dos sectores máis importantes da súa economía. Desenvolvemos unha tecnoloxía que supón un salto importantísimo na industria do selante de conservas e que ten o potencial de ser catalizador doutros avances en industrias similares. Así mesmo, é a validación de que os desenvolvementos científicos e tecnolóxicos poden romper a barreira do laboratorio para xerar un impacto real na sociedade”.

Outros premios de transferencia e de divulgación

Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, dotadas cada unha delas con 5000 euros, polo que xunto á investigación da UVigo, tamén foi distinguido, desta volta co Premio Francisco Guitián Ojea, un traballo de investigación aplicada do Grupo Ictus Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado por Francisco Campos, que busca mellorar o tratamento do ictus isquémico. O equipo desenvolveu un novo fármaco orientado a protexer o tecido cerebral danado tras un ictus, co obxectivo de reducir a extensión da lesión e mellorar a calidade de vida dos afectados. Desde o punto de vista médico, o seu impacto é moi significativo, xa que axuda á recuperación funcional dos pacientes, reduce a discapacidade asociada ao ictus e amplía o número de persoas que poden beneficiarse dun tratamento eficaz.

Ademais, no transcurso do acto tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico, que  foi para a reportaxe Os fármacos do centeo, de Teresa Rocamonde, emitida na Televisión de Galicia, e o Premio de Divulgación Científica, para o neurocientífico Xurxo Mariño, investigador do grupo Neurocom da Universidade da Coruña, dedicado desde hai máis de tres décadas á difusión do coñecemento científico en Galicia, no resto de España e a nivel internacional, sobre temáticas que afectan á vida cotiá. Na modalidade de xornalismo científico tamén se outorgou un accésit á reportaxe Así es el «Google Maps» de los cirujanos, de Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en La Voz de Galicia