DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na clasificación global acada o posto 811, na europea, o 315 e na nacional, o 27

O ránking CWUR volve situar a UVigo no top 4% das universidades do mundo

Destacan os resultados obtidos no eido da investigación, eido no que se sitúa no posto 773

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Institucional
M. Del Río DUVI 13/05/2024

O ránking CWUR, Center for World University Rankings, volve situar a Universidade de Vigo no top 4% das mellores universidades do mundo. En concreto, a institución académica mellora lixeiramente a súa posición respecto do ano pasado, xa que se pasa do top 4% ao 3,9% deste ano. 

A edición 2024 da lista Global 2000 baseada en resultados do Center for World University Rankings avalía 20.966 universidades de todo o mundo en relación a catro eidos fundamentais: educación, empregabilidade, docencia e investigación. Cunha puntuación de 71,7, a UVigo ocupa o posto 811 do ránking mundial, mentres que na clasificación europea sitúase no lugar 315 e na nacional no 27. No que atinxe á clasificación por eidos, a Universidade de Vigo mellora a súa posición global no campo da investigación, no que ocupa o lugar 773 de todo o mundo.

A primeira universidade española que aparece nesta clasificación é a de Barcelona, no posto 134, seguida pola Autónoma de Barcelona, no 196 e a Complutense de Madrid no 244. A primeira institución galega na listaxe é a de Santiago de Compostela, no posto 12, mentres que a Universidade da Coruña ocupa o posto 34 dun total de 53 universidades españolas avaliadas.

EEUU domina a clasificación

Á fronte do ránking CWUR non hai variacións respecto do ano pasado, coa Universidade de Harvard, cunha puntuación de 100 sobre 100 puntos posibles, seguida do Massachusetts Institute of Technology (MIT), con 96.8 puntos e da Stanford University, con 95.2 puntos, consolidando o podio para as institucións estadounidenses. Nos postos catro e cinco aparecen dúas institucións británicas, Cambridge e Oxford, con 94.1 e 93.3 puntos, respectivamente. Os seguintes postos da táboa están ocupados por universidades de EEUU, ata chegar ao número 13, onde aparece a primeira universidade asiática, a de Tokio, con 89.8 puntos. 

62 millóns de puntos de datos para analizar 20.966 universidades

O Center for World University Rankings (CWUR) publica os ránkings académicos máis grandes relacionados con universidades e as súas clasificación son únicas porque empregan indicadores obxectivos para os catro piares clave que subxacen á metodoloxía da clasificación (educación, empregabilidade, docencia e investigación) sen depender de enquisas nin de envío de datos. Ademais, como destacan dende o propio organismo, ponse o mesmo énfase nos indicadores relacionados co estudantado e co corpo docente. En total, para elaborar a clasificación deste ano empregáronse 62 millóns de puntos de datos baseados en resultados para avaliar 20.966 universidades de todo o mundo.

No que se refire á metodoloxía, CWUR atende a sete indicadores “obxectivos e sólidos” baseados en resultados agrupados nas catro áreas referidas. Estes indicadores son educación, en base ao éxito académico do alumnado egresado medido en relación co tamaño da universidade (25%); empregabilidade, atendendo ao éxito profesional do alumando, tamén medido en relación co tamaño da institución (25%); profesorado, tendo en conta o número de docentes coas máximas distincións académicas (10%); e investigación. Para medir este último ítem téñense en conta a produción de investigación medida polo número total de artigos de investigación (10%); publicacións de alta calidade medidas polo número de artigos de investigación en revistas de primeiro nivel (10%); influencia, para o que se mide o número de artigos de investigación que aparecen en revistas moi influentes (10%) e citas, medidas polo número de artigos de investigación altamente citados (10%).