DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects

O ránking de Shanghai por ámbitos sitúa a UVigo entre as 75 mellores universidades do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

A institución viguesa está entre as 500 mellores en 14 materias de investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 26/05/2021

Este mércores fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2021, unha clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias de investigación elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU, máis coñecido como ránking de Shanghai. Nel, a Universidade de Vigo sitúase entre as institucións académicas de referencia en 14 categorías, destacando a posición que ocupa en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde está un ano máis incluída entre as 75 mellores universidades do mundo. Concretamente, estaría na posición 51 empatada a puntos con outras 24 institucións académicas. Como novidade, a UVigo inclúese por primeira vez como unha das 500 universidades referentes nos eidos da Educación e da Farmacia e Ciencias Farmacéuticas.

O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo" das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño das universidades en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional. No GRAS 2021 feito público hoxe, se en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a UVigo está entre as 75 referentes do mundo (no bloque de 51-75); en Oceanografía sitúase entre as 150 mellores (101-150); en Xestión Turística, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Civil entre as 300 mellores (201-300); en Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, entre as 400 referentes (301-400); e en Ciencias da Terra, Enxeñaría Química, Biotecnoloxía, Ciencias Agrícolas, Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas entre as 500 mellores (401-500).  

Sobre a presenza da UVigo neste ránking,  Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, destaca que é “relevante e moi positiva en comparación con anos precedentes” e tendo en conta como “aínda somos unha universidade nova e cun financiamento modesto”. Os datos recollidos nel, subliña, “reflexan a boa saúde da institución na investigación máis punteira en cada un dos seus campus, e non se detecta ningún efecto negativo pola pandemia e/o polo confinamento”. Hai que considerar, engade a vicerreitora, “que nesta competición entran máis de 1800 universidades e todas intentamos mellorar, e aínda que competimos cos mesmos indicadores o investimento en I+D en España segue a ser dos máis baixos da Unión Europea (arredor do 1,4%). Moitos países como Suecia ou Finlandia duplican eses valores e sen dúbida un maior investimento en investigación redunda nun maior éxito das institucións, incrementa o tecido produtivo do país e o benestar da sociedade”.

Moitas consolidacións e novidades como Educación e Farmacia

A Universidade de Vigo sitúase este ano entre as institucións académicas de referencia en 14 categorías, dúas máis que o ano anterior. Encabezando esta presenza está a posición en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Sobre este resultado, a vicerreitora de Investigación sinala que “continuamos a manter a nosa posición entre as 51-75 mellores do mundo. Isto é un claro indicador de que as políticas de atracción de talento de Highly-Cited Researchers teñen unha clara incidencia no valor e a posición ocupada”, lembrando como as dúas ultimas incorporacións á UVigo nos seus programas de captación coincidiron nese ámbito. Pola súa banda, Jesús Simal, coordinador do grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo e profesor da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, recalca que esta posición en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos “é un gran logro colectivo, xa que seguir nesa posición significa seguir medrando cando menos ao ritmo que avanzan outras universidades”. O resultado acadado, engade, “é unha proba máis do compromiso da Universidade de Vigo coa súa contorna, xa que a produción e o procesado de alimentos son sectores claves na economía galega”, apuntando o potencial de futuro deste eido de investigación.

Tamén sobresae neste Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) de 2021 como a Universidade de Vigo pasa a estar incluída por primeira vez nas categorías de Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas. Igualmente, despois de estar ausente o pasado ano, volve a estar nesta listaxe no eido de Enxeñaría Civil entre as 300 mellores institucións. Pola contra, neste 2021 deixa de ter presencia na categoría de Ciencias e Enxeñaría da Enerxía, na que o ano pasado estaba incluída no bloque das 400 referentes. Nos demais ámbitos, en xeral mantense a posición da Universidade de Vigo. Como excepcións, mellora en Ecoloxía, que pasa a estar no bloque das 400 mellores universidades (301-400), cando o pasado ano estaba no bloque das 500 (401-500). Pola contra descende a posición en ámbitos como Oceanografía (que pasa de estar no bloque de 76-100 ao de 101-150); en Enxeñaría de Telecomunicación (que pasa do tramo de 151-200 ao de 201-300), e en Enxeñaría Química (que pasa do grupo de 301-400 a 401-500). No contexto universitario español, a UVigo estaría no terceiro posto, empatada con outras institucións académicas, nos ámbitos de Oceanografía e Enxeñaría Civil; no cuarto lugar en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría de Telecomunicación; e no noveno posto en Enxeñaría Eléctrica e Electrónica.

Destes resultados, Belén Rubio subliña que amosan a consolidación da institución noutros ámbitos froito “da concentración do noso persoal investigador e potenciación por parte da Xunta de Galicia e da Universidade nos centros de investigación: CIM, atlanTTic, Cinbio e Cintecx”. Aínda que nalgún caso hai se baixa algo con respecto ao ano anterior, detalla a vicerreitora, “as baixadas poden ser conxunturais e haberá que examinalas a máis longo prazo”. Así, recalca, a UVigo segue tendo moi boas posicións en Oceanografía, en Telecomunicación e en varias enxeñarías e consigue entrar entre as 500 primeiras universidades en ámbitos “moi competitivos como Biotecnoloxía e Ciencias Farmacéuticas, salientando neste caso “o papel do Cinbio, principalmente na procura de resultados en relación coa actual pandemia e outras enfermidades”. Alén dos centros de investigación, a vicerreitora pon en valor os resultados acadados no ámbito das Ciencias Sociais, concretamente en Xestión Turística e Educación, que, apuntan, “amosan a potencia e crecemento dos campus de Ourense e Pontevedra”.