DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica é referente internacional en once ámbitos de coñecemento

O ránking de Shanghai sitúa a UVigo como mellor universidade de España e 17 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 19/11/2025

A Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai), acaba de facer público o seu Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2025, a clasificación das mellores universidades do mundo en 57 materias de investigación. Nel, a Universidade de Vigo mantense como primeira universidade española en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e sube ao posto 17 do mundo. En total son once os ámbitos de coñecemento nos que a UVigo se posiciona entre as institucións de educación superior referentes a nivel internacional.  

O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo" das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 5000 universidades de todo o mundo (das que finalmente arredor de 2000 figuran no ránking) en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación, investigadores máis citados e colaboración internacional.

No GRAS 2025, no ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a Universidade de Vigo sitúase no posto 17, mellorando a posición do ano pasado, cando estaba no 34. Este resultado mantena como universidade de referencia en España nesta materia. En Oceanografía, está entre as 200 mellores (no traballo 151-200) e en Ciencias Agrícolas entre as 300 (no tramo 201-300). Noutras catro materias, a UVigo posiciónase entre as 400 institucións de educación superior referentes internacionalmente, é dicir no tramo 301-400. Trátase de Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Ciencias Económicas e Ciencia e Tecnoloxía dos Instrumentos. Por último, a UVigo sitúase entre as 500 universidades do mundo (tramo 401-500) en Química, Ciencias da Terra, Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e Ciencias Biolóxicas. Dez dos ámbitos repiten de edición 2024 do ránking e incorpórase como novidade Ciencias Biolóxicas.

O papel dos institutos e centros de investigación

Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación amosa a satisfacción da Universidade de Vigo polos resultados acadados neste Global Ranking of Academic Subjects 2025. “Melloramos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde subimos ao posto 17, e mantemos moi boas  posicións noutras”, apunta. A responsable académica sinala que se “aprecia a influencia e as vantaxes que ofrecen os centros e institutos de investigación que temos”, citando principalmente o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación (IAA), con sede no campus de Ourense-Campus Auga; o Centro de Investigación Mariña (CIM); o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) e Ecobas. Isto, sinala, “indica que fornecer aquelas áreas nas que xa somos fortes ten os seus réditos”. O posicionamento neste GRAS 2025, conclúe Belén Rubio, “amosa tamén o bo status da UVigo e como o mantemos ao longo do tempo; seguimos competindo a nivel internacional e iso é moi bo sinal”.