DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da UVigo

A realidade de Palestina centra un encontro celebrado este venres no campus

Contou coa participación do escritor Anan Abdalah e da catedrática Carmen Quesada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Democracia
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/10/2026

Cando se cumpren tres anos do comezo da guerra en Gaza, despois dos ataques de Hamás contra Israel do 7 de outubro de 2023, o campus de Ourense acolleu este venres unha xornada que levou por título Palestina: das voces civís á xustiza internacional. A actividade estivo organizada e moderada por Belén Sánchez, Laura Movilla e Annina Burgin, profesoras da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e segundo indicaron desde a súa organización quixo “achegar ao público a realidade de Palestina desde perspectivas complementarias”, contando con dous relatorios. O primeiro, “desde a sociedade civil, ofreceu unha ollada humana aos acontecementos que marcaron a traxectoria do pobo palestino” e o segundo, en clave xurídica, abordou os casos pendentes ante a Corte Internacional de Xustiza e a Corte Penal Internacional.

O punto de vista humano

A programación, que se desenvolveu no edificio Xurídico-Empresarial, arrancou cun primeiro relatorio a cargo do médico e escritor (autor da triloxía Ojos de Palestina e El infierno del príncipe) Anan Abdalah, nado en Nablus, Palestina, en 1954. Na súa mocidade trasladouse a Europa para continuar os estudos universitarios e acabou establecéndose en Galicia, onde dedicou gran parte da súa vida ao exercicio da medicina e, ao mesmo tempo, á reflexión sobre a historia contemporánea de Palestina.

Tal e como puido coñecer o alumnado presente na xornada celebrada este venres, a experiencia de Anan Abdalah como palestino residente en Europa marcou de cheo a súa obra literaria, situada na intersección entre historia, literatura e memoria. “A través dos seus libros, entrevistas e conferencias, Abdalah procura transmitir unha visión humana do último século de historia do pobo palestino e ofrece un testemuño persoal e cultural sobre a identidade, o exilio e a dignidade humana”, sinalan desde a organización da actividade. 

O punto de vista xurídico

O segundo relatorio correu a cargo de Carmen Quesada, catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), baixo o título A Corte Internacional de Xustiza e a Corte Penal Internacional fronte aos crimes internacionais do conflito israelí-palestino. Nela, o alumnado puido coñecer como os dous tribunais da Haia actúan en planos distintos e complementarios: a Corte Internacional de Xustiza (CIX) xulga a responsabilidade dos estados, mentres que a Corte Penal Internacional (CPI) persegue a responsabilidade penal individual. “A CIX pronunciouse xa en tres ocasións, en procedementos consultivos, sobre a ilegalidade da ocupación israelí do territorio palestino e sobre a obriga de Israel de aceptar e facilitar a axuda humanitaria da ONU e da UNRWA en Gaza”, indican desde a xornada. Ademais, engaden, “segue aberto o caso contencioso iniciado por Sudáfrica en 2023 contra Israel polos feitos da guerra en Gaza, sobre a base da Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948”.

Pola súa banda, a CPI, explicouse na xornada, mantén aberta desde marzo de 2021 a investigación sobre a 'Situación no Estado de Palestina', que abrangue Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste. En novembro de 2024 ditou ordes de detención contra Benjamin Netanyahu e o exministro de Defensa Yoav Gallant por crimes de guerra e de lesa humanidade, así como contra o dirixente de Hamás Mohammed Deif, esta última retirada en 2025 tras confirmarse a súa morte. “Esta Corte traballa, ademais, baixo a presión das sancións estadounidenses impostas a varios dos seus fiscais e xuíces, incluída, desde agosto de 2026, a súa presidenta, Tomoko Akane”, apuntan desde a organización da actividade.