DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ferramenta facilita coñecer as instalacións e métodos de traballo de 14 grupos de investigación

A realidade virtual permite abrir ao público os laboratorios do Cinbio

A plataforma irase actualizando con novos contidos periodicamente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 02/12/2020

O Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, abre os seus laboratorios ao público a través dunha plataforma virtual nunha nova edición do programa Divulgando Ciencia Singular, que cada ano achega o traballo deste centro á sociedade mediante obradoiros prácticos e diferentes actividades. Debido ás circunstancias sanitarias actuais, o centro decidiu adaptar estas tradicionais xornadas de portas abertas ao formato telemático, conseguindo que o visitante poida realizar un percorrido virtual por estas instalacións moi completo e intuitivo. 

O propósito é acercar o seu traballo diario á sociedade

Coa finalidade de amosar as súas metodoloxías e proxectos, o Cinbio propón unha plataforma virtual aberta a todas as persoas interesadas en visitar as súas instalacións, entre as que destacan os 22 laboratorios dedicados, entre outras materias, á medicina molecular, nanomateriais, nutrición e benestar ou informática para a saúde e bioestatística. Así mesmo, as participantes poderán coñecer os servizos transversais do Cinbio, como a citometría de fluxo, a histoloxía ou o laboratorio NCB-3. 

Un dos aspectos máis interesantes desta iniciativa é que cada laboratorio presenta diversos contidos enlazados que fan a experiencia máis dinámica, atractiva e enriquecedora. Neste senso, as ligazóns dirixen a imaxes ou vídeos característicos de cada un dos 14 grupos de investigación, definicións das distintas áreas, descricións, fluxos de traballo, listados de equipamento dos laboratorios e breves gravacións explicativas. 

No seu afán por conseguir unha transferencia de calidade para a sociedade, esta ferramenta irase actualizando con novos contidos periodicamente, algo que é posible grazas ao financiamento dos fondos FEDER dos que o Cinbio está a beneficiarse entre os anos 2019 e 2022. 

A visita virtual pode realizarse a través da seguinte ligazón: https://cinbio.xeometrica.com/