DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En homenaxe ao artista e profesor da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017

Recala en Vigo a exposición que percorre os ‘Vieiros na memoria’ de Manuel Moldes

Tras pasar por Pontevedra, pode visitarse na Casa Galega da Cultura ata o vindeiro 24 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
D. Besadío DUVI 11/03/2022

Tras o seu paso polo campus de Pontevedra, este venres chegou a Vigo a exposición Vieiros na memoria de Manuel Moldes, unha pequena homenaxe a quen foi un artista comprometido coa súa terra e referente da cultura galega,  pero tamén un profesor que deixou unha fonda pegada na que durante anos foi a segunda casa, a Facultade de Belas Artes. Ampliada e acomodada ao espazo da Casa Galega da Cultura, a exposición organizada arredor da figura do artista falecido en 2017 poderá visitarse na cidade olívica ata o vindeiro 24 de abril. 

“Pontevedra e Vigo son dúas cidades moi familiares para o artista, a primeira por ser sede da Facultade de Belas Artes, a onde chegou no 1995, dous anos antes de realizar o primeiro dos seus Vieiros e, pola outra, Vigo e, máis concretamente, a praza da Princesa, escenario dos primeiros pasos do grupo Atlántica, do que Moldes formou parte e que a día de hoxe é imprescindible, tanto para coñecer a traxectoria do desenvolvemento da cultura galega, como para ollar o papel deste autor como docente”, tal e como explicou a comisaria da exposición, Sara Donoso, na presentación aos medios de comunicación da exposición. Xunto a Donoso, participaron neste acto o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, quen se referiu a este proxecto como “unha lembranza á memoria artística e vital de Manolo Moldes”; a viúva e o fillo do artista, e o concelleiro-delegado da Área de Cultura, Emprego e Participación Cidadá do Concello de Vigo, Abel Losada.

Vídeo do evento

O retorno á praza da Princesa e aos inicios do grupo Atlántica

“Para nós é un orgullo e un pracer amosar un proxecto expositivo que nace da man dunha exalumna da facultade, do propio Moldes, que agora exerce como xestora e comisaria independente”, salientou o decano, ao tempo que agradeceu a constante colaboración do Concello de Vigo coa Facultade de Belas Artes, “sobre todo, cun proxecto tan querido no noso centro como é Afinidades Selectivas, traballo expositivo do que xa se levan publicados 13 catálogos”. Na boa sintonía entre ambas institucións, fixo tamén fincapé Abel Losada, quen non dubidou en afirmar que este autor é unha peza clave do movemento pictórico contemporáneo galego. “Nestes tempos tan complexos por moitas razóns convén máis que nunca ter claro o camiño, o vieiro, neste caso da liberdade creativa, pero tamén da liberdade individual en xeral e, desde logo, tamén da memoria, e esta exposición recolle mellor que nunca estes dous símbolos”, recalcou o concelleiro vigués.

En representación da súa familia, interveu a súa viúva, May Díaz Cacheda, quen admitiu que para ela a visita a Vigo “é unha especie de viaxe cara atrás no tempo que me recorda aos anos 80 e ás primeiras exposicións nesta mesma praza da Princesa, na que lle compraron a súa primeira obra, un debuxo sobre a guerra de Vietnam, e onde coñeceu a toda a xente coa que adoitaba participar e que logo se conglomerou no grupo Atlántica”.

Vieiros que teñen o debuxo como nexo de unión

Resultado dun “diálogo continuo” coa familia do artista, a exposición desenvolvida coa colaboración da Fundación Manuel Moldes non buscaba reunir “as obras icónicas” do pintor, senón unha serie de pezas que, “ademais coinciden en datas coa súa entrada como profesor na Universidade”, como salientou Donoso. A comisaria lembrou de feito a súa etapa como alumna de Moldes, “que sempre nos incitaba a aprender facendo, a experimentar, a loitar pola arte...”, para incidir en que esta mostra buscaba tamén "reivindicar" o labor de Moldes como profesor de debuxo. Académico da Real Academia Galega de Belas Artes e un dos fundadores do colectivo Atlántica, Moldes realizou en 1997 o primeiro dos seus Vieiros, un conxunto de obras que teñen precisamente o seu nexo de unión no debuxo, “como disciplina autónoma, pero tamén como bosquexo e como parte dun proceso preparatorio”. 

Vieiros na memoria, explicou Donoso, reúne unha serie de obras que “desenvolveu na súa maior parte entre finais dos anos 90 e principios da década do 2000”, e agrupa “imaxes ao óleo sobre lenzo e cartolina con obras en papel milimetrado e debuxos realizados sobre follas de caderno”, nun diálogo “que reivindica a expresión artística máis aló do soporte o do seu formato”. O papel do debuxo, dos trazos e liñas como punto de partida para “dotar de vida ás ideas” cobran nese senso un papel central nestes conxunto de obras abstractas, de "espírito labiríntico" e que levan tamén “a pensar na natureza”, engadiu Donoso.

A vindeira escala da exposición será na sala Alterarte

Nesta segunda parada da exposición quitáronse algunhas pezas e incluíronse outras novas, concretamente seis, dándolle, a pesar de ser unha exposición itinerante, “unha maior especificidade e axustándoa a este espazo tan característico”, recalcou a comisaria. A vindeira escala será, segundo adiantou no acto o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, a Sala Alterarte do campus de Ourense.